Preferentes ante a comisión europea

Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU e candidata de Alternativa Galega de Esquerda e Ana Cedeira, voceira da Plataforma de Afectados polas Preferentes e subordinadas da Coruña, comparecen para anunciar que o eurodeputado Willy Meyer leva a denuncia das plataformas á Comisión de Peticións da UE.

A denuncia das plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas chega á comisión europea da man de Esquerda Unida a través do seu eurodeputado Willy Meyer, que é vicepresidente da comisión. A denuncia, que foi asinada polas plataformas de afectados polas preferentes e subordinadas da Coruña e Vigo, solicita que Europa envíe persoal independente e cualificado para que investiguen “in situ” a estafa que se xestionou coas preferentes e subordinadas, para que traia orde e xustiza ao problema das preferentes habida conta de que a actuación da Xunta de Galicia do Sr. Feijoo non está a achegar a Europa a realidade da situación e no proceso de arbitraxe semella poñerse do lado dos banqueiros e poderosos en lugar de facelo a prol da cidadanía galega.

Na petición solicítase tamén que se realicen as xestións necesarias, se depuren responsabilidades, e se desenvolvan as medidas preventivas para evitar que este tipo de estafas poidan volver a realizarse ao tempo de que se executen as accións correctoras necesarias contra quen consideren responsables probados desta grande estafa a nivel nacional.

Asemade esíxese a reposición total dos cartos estafados ás familias traballadoras aforradoras galegas.

Yolanda Díaz, coordinadora  nacional de Esquerda Unida e candidata de Alternativa Galega de Esquerda indicou “constituímonos nunha ferramenta que de voz aos afectados que deben falar directamente na Unión Europea”, así afirmou que de continuar o proceso adiante, a Comisión de Peticións escoitará a declaración directa dos afectados para emitir o seu xuízo.

A coordinadora nacional de EU salientou que “Os culpables teñen que pagar polas súas responsabilidades políticas e penais”.

Pola súa banda Ana Cedeira agradeceu o apoio de Esquerda Unida aos afectados polas preferentes e subordinadas, e suliñou a eficacia, dilixencia e rapidez da actuación. Na súa intervención fixo un repaso a todas as inxustizas e irregularidades polas que os afectados están a pasar co silencio cómplice da Xunta de Galicia.

 

Relacionados