Denunciamos impacto ambiental das obras do AVE

Todos os participantes acordamos que dende Ríos Limpos se coordinasen todas as denuncias e propostas orientadas a poñer en coñecemento da cidadanía unha situación que está a provocar graves impactos ambientais.

As irregularidades nas obras xa teñen sido denunciadas por grupos veciñais e asociacións ecoloxistas. En xullo de 2012 saiu á luz o caso da denuncia da Sociedade Galega de Historia Natural nas obras de Laza, cando as pistas de acceso ás obras destrozaron árbores centenarias. Nesta ocasión, no tramo de San Pedro de Maus-Porto-Alemparte, os veciños contaron co apoio de Amigos da Terra para denunciar a expropiación e ocupación de terras de gran valor ambiental co consentimento de ADIF.

Temos importantes extensións naturais e pobos dende A Gudiña a Ourense que están a soportar escombreiras improvisadas, expropiacións e ocupacións ilegais, proliferación de cementeiras cerca da obra para aforrar custos, ausencia de medidas preventivas como balsas de decantación, pistas de acceso irregulares e outros moitos problemas.

O obxectivo é erradicar inmediatamente este tipo de prácticas ilegais e conseguir non só unha aplicación rigorosa das medidas correctoras esixidas nos estudos de impacto ambiental, senón a reparación dos danos causados por parte dos responsables.

Ademais de participar nas diferentes movilizacións e actividades reivindicativas desta Plataforma, Esquerda Unida continuará a promover iniciativas que favorezan o ferrocarril convencional como medio de transporte mecanizado eficiente, accesible e democrático. Xa é hora de tomar conciencia de que non podemos consentir que o AVE, unha infraestrutura carísima, elitista, favorecedora das grandes cidades e que desatende á maioría da cidadanía e dos territorios, se constitúa, ademais, nun proxecto de destrución medioambiental.

Fonte da foto: lainformación.com

 

 

 

 

 

Relacionados