Dereito á educación pública

O deputado, Xabier Ron, denuncia que a solución que se lles está ofrecendo de ir a un centro situado a varios quilómetros non é a axeitada xa que este colexio non conta con servizos necesarios para as familias como o transporte escolar ou comedor.

Santiago de Compostela, 14 marzo de 2013.- O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda insta a Consellería a garantir o dereito a unha educación pública de calidade e integral aos 18 nenos e nenas de Santiago que quedaron sen praza no centro escolar de Fontiñas por un erro da Consellería de Educación, á hora de adscribir o colexio de Fontiñas coa Casa do Neno. O deputado, Xabier Ron, lembra que a Consellería de Educación é a administración pública galega que ten encomendada a competencia de prestar, coa mellor calidade, o servizo público da educación, que se aplica tamén aos servizos complementarios como transporte e comedor escolar que permitan as familias conciliar a súa xornada laboral coa formativa educativa dos seus fillos e fillas. Por este motivo, “a administración pública galega, xa que logo, non pode ser quen poña atrancos na efectividade desa igualdade de oportunidades, non pode ser quen dificulte o acceso a unha educación pública de calidade e a todos os seus servizos” salientou o deputado de AGE que denunciou que iso precisa mente é o que pode acontecer con varias familias compostelás.

A decisión da Consellería de Educación de non cumprir co acordo de adscrición asinado entre o centro concertado coñecido como Casa do Neno e o colexio de Fontiñas atenta para o deputado Xabier Ron contra os dereitos dos 18 nenos e nenas que hoxe cursan o último ano de educación infantil e das súas familias xa que as solucións que se lles están ofrecendo non contemplan ese carácter integral do servizo público da educación. Para AGE non abonda con admitir o erro ao facelo aludindo a falta de espazo do de Fontiñas e por iso o grupo parlamentar interpela ao goberno da Xunta para saber qué solución vai adoptar a Consellería para garantir o dereito dos nenos e nenas a unha educación publica de calidade e que inclua todos os servizos que precisan as familias.

 

Relacionados