O deputado Antón Sánchez afirma que dúas sentenzas, unha emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e outra do Contencioso-Administrativo nº1 de Ourense, ratifican que as disposicións sexta e sétima da norma 8/2012 son inconstitucionais. “Na práctica, estes artigos amnistían a demolición de obras ilegais e o desaloxo dos seus ocupantes”, denuncia Sánchez, “de vivendas ou de naves industriais e comerciais con licencias anuladas por sentenza firme, xa que estabelecen que os titulares das mesmas deben primeiro cobrar a indemnización, un proceso longo”.
A lei aprobada polo PP procura, sobre todo, dificultar o cumprimento da lexislación e do ordenamento urbanístico e facer aumentar, así, a impunidade dos infractores. AGE presentará nos vindeiros días, a través do parlamentario Antón Sánchez, unha proposta de modificación da norma de vivenda, para que muden estas dúas disposicións e tamén para que medre a porcentaxe de reserva de vivenda protexida. “Queremos que a lei inclúa, ademais, unha disposición de protección contra os desafiuzamentos”, expón, “e que defenda os dereitos das persoas ante esta barbarie que afecta a milleiros de persoas”. Alternativa tamén pretende que na lexislación ao respecto prevaleza o respecto polas normas urbanísticas e polo cumprimento da legalidade. “É preciso recuperar o territorio das desfeitas permitidas no pasado”, indica.