O coñecemento do que acontece con varios escolares do Colexio Público de A Sionlla pon de manifesto as numerosas eivas dun decreto de comedores, inxusto, non apoiado e rexeitado pola comunidade educativa galega e que atenta contra o dereito á educación e á igualdade de oportunidades.
O Consello Comarcal EU Compostela denuncia que non é de recibo que se lle poñan máis atrancos ás familias dos que xa teñen no seu día a día para poder conciliar vida familiar, profesional e laboral e coa educativa dos seus fillos e fillas.
A Xunta está limitando o dereito a un servizo esencial a alumnado que vén de fóra da zona escolar, aínda que moito deste alumnado é desprazado de forma obrigatoria porque non tiña praza no seu centro de referencia.
O Concello ten que exercer toda a presión posible para que non se produzan situacións de discriminación e esixirlle á Consellería de Educación e Cultura que garanta o acceso ao servizo de comedor a todo o alumnado con dereito ao mesmo ampliando as prazas que se requiran e dispoñendo os recursos humanos e materiais que sexan precisos.
Demóstrase que non existe planificación educativa e que existe unha terrible deixadez de funcións que provocan que sexan as saturadas direccións dos centros educativos e os consellos escolares os que teñan que decidir a que alumnado acoller e a cal excluír cando todos precisan do servizo.