Derivación a hospitais privados

 

Santiago de Compostela, 26 abril de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda considera inaceptábel a actitude da xerente do Sergas, Nieves Domínguez, que ante a pregunta da deputada Eva Solla sobre a situación que se está a vivir no HULA con 117camas pechadas mentres se están a realizar traslados de doentes a hospitais privados, obviou a pregunta e non dou ningún tipo de reposta para xustificar este feito.

A xerente do Sergas recoñeceu na súa intervención que a ocupación no Hospital Lucus Augusti de Lugo non chega ao 70 por cento o que reflicte o incomprensible dos traslados o que fai pensar que o goberno galego opta directamente regalando cartos aos hospitais privados mentres nos públicos continúa coa política de recortes e austericidio.

A deputada Eva Solla, salientou que segundo a resposta dada pola xerente e lóxico pensar que “algo se está a facer mal” xa que o que non ten explicación é porque hai persoas en lista de espera se existe unha ocupación inferior ao 70 por cento. “A única resposta que pode explicar isto é pola falla de contratación de persoal” asegurou a deputada de AGE.

Eva Solla lamentou a intervención da xerente do Sergas que considerou “unha boa xestión” o manter camas pechadas mentres se están a derivar os doentes á hospitais privados para o que a Dirección Provincial de Lugo do Sergas destina máis de 500.000 euros mensuais, máis de seis millóns de euros ao ano nun servizo que perfectamente podería ser asumido polo HULA e que supón polo tanto un despilfarro dos recursos públicos.

A semana pasada Alternativa Galega de Esquerda presentou a través do deputado Ramón Vázquez unha Proposición non de Lei na que se insta ao Goberno Galego a que publique sen demora, os tempos de espera existentes na lista de espera estrutural, así como o número de doentes incluídos nesta lista. Na práctica esta distinción entre listas de espera estruturais e non estruturais, non é máis cun recurso para enmascarar os tempos de espera , as cifras reais  de persoas que permanecen en espera e o número de doentes que son derivados a hospitais privados. Neste tema tampouco a xerente do Sergas quixo dar explicacións limitándose a dicir que están a cumprir a normativa en canto á publicación dos datos.

Relacionados