Derrubo Fábrica de Lápis

 

Un derrubo que concita un rexeitamento unánime do mundo cultural e académico  do país.

 

“A Fábrica de Lápis acubilla valores abondo para que a Xunta de Galicia e o Goberno Municipal abandonen as compracencias co capital privado que somentes mira, cunha ollada curta, ao negocio, e salvagarde alomenos os seus elementos senlleiros” salienta a Voceira de Esquerda Unida, Yolanda Díaz. Esta acode á xuntanza de traballo co director xeral de  patrimonio acompañada por Suso Basterrechea, coordinador local e Sari Alabau,membro tamén da dirección local.

 

A delegación de Esquerda Unida formulará a demanda dunha suspensión cautelar alomenos até a resolución do recurso de alzada presentado pola formación de esquerdas e ecoloxista e que resta pendente de resolución, a pesares que as administracións públicas deixan nestes días que a empresa privada propietaria derrube un ben senlleiro. Son moitas as voces cidadás e académicas que nestes días razoaron a necesidade de non ofrendar os cascallos dun inmoble valioso o deus do cálculo egoísta.

 

A urxencia da reunión obedece a actual carreira emprendida polos propietarios do inmoble para demoler calquera resto da Fábrica susceptible de ser conservado. A cidadanía de Ferrol contempla abraiada a brigada de demolición que instalada no Goberno Municipal concede licenzas, coa discreción, para derruír o noso patrimonio e a nosa memoria cidadá, en troques de facer efectiva a ordenanza municipal que contempla a disciplina urbanística, e que non permite que se deixen arruinar os inmobles da cidade para especularen con eles.

 

Yolanda Díaz reclamará da Dirección Xeral a suspensión cautelar das obras de derrubo alomenos ate a resolución do recurso de alzada presentado por Esquerda Unida.

 

Relacionados