Esquerda Unida denuncia a desmedida actuación policial no desafiuzamento efectuado hoxe e propón que os recursos empregados no despregue policial para desafiuzamentos se destinen a políticas de acceso á vivenda. O crime inmobiliario está intimamente ligado cunha dotación de recursos inadecuada na loita contra o fraude e a estafa. Os escasos recursos dispoñibles deberían estar focalizados nesta loita e tratar os casos de desafiuzamento coa comprensión debida ante unha traxedia a gran escala que afecta a unha grande parte do país. Solicitamos á actual administración que implemente controis esixentes e verificables pola veciñanza, sobre cada euro público gastado en materia de loita contra o fraude e desafiuzamentos para garantir que a forza da Administración estea a defender os intereses sociais.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón que as vivendas baleiras das entidades bancarias rescatadas se incorporen a un parque público de vivendas en réxime de aluguer social temporal de xestión municipal. Ante a avalancha de casos, a Administración debe garantir unha política de provisión de vivendas racional que aproveite os recursos existentes. O stock de vivendas baleiras das entidades bancarias rescatadas podería servir como aloxamento temporal para casos de desafiuzamento, o que traería un dobre beneficio conxugado á medida cun programa de rehabilitación sustentable que mantivese os inmobles en bo estado.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “como sociedade debemos combater a especulación sobre os dereitos fundamentais. Temos a responsabilidade de construír un presente onde se cumpra o dito: nin xentes sen casa, nin casas sen xente. Cando máis xente está a perder a súa casa, menos vontade pública para solucionar este problema. A Coruña precisa dun Goberno con auténtica vontade política de crecemento económico e social, que loite de verdade por solucionar os problemas de todos, para que as necesidades colectivas obteñan unha resposta responsable”.
César Santiso finalmente solidarizouse coas persoas detidas que pretendían parar o desafiuzamento e subliñou “resulta vergoñento que se deteña a persoas que están a defender un dereito constitucional como o acceso á vivenda”.