Semella necesario que alcaldía deixe de ser un espectador pasivo e se comprometa a actuar como noutras vilas e cidades do país se ten feito, caso de Cangas, e desta maneira contribúa a defender á veciñanza no mantemento dunha pequena actividade económica, en casos como o desafiuzamento que afecta a un pequeno negocio (bar Carballo) e a varios traballadores no barrio de Caranza.
Hai un ano, o concello pronunciábase cunha moción plenaria a prol de aprobar un mecanismo que evitase a situación de desafiuzamentos que se estende como un regueiro de pólvora social na nosa comarca e cidade. O PP pronunciárase a favor de deter ese regueiro de desafiuzamentos: hoxe toca demostralo cunha actuación de mediación e mediante a convocatoria da comisión de seguimento destas situacións, que pode arbitrar unha solución de compromiso que garanta o non peche do estabelecemento sito no barrio de Caranza. Hoxe toca defender na práctica ese apoio dado á moción presentada por EU entón.
Yolanda Díaz pide a reunión do instrumento municipal para mediar e evitar situacións dramáticas no eido social, caso deste desafiuzamento que a maiores se quere levar adiante contra un acordo verbal que a parte vén cumprindo con rigurosidade.
Esquerda Unida quere chamar a atención que hoxe temos a posibilidade de evitar un novo peche dun pequeno negocio, que suporá máis paro e depresión da actividade na nosa cidade, outrosí do peche doutro baixo comercial diante da inacción do Goberno Municipal.
Esquerda Unida apoia as primeiras mobilizacións da plataforma en defensa dos traballadores do bar Carballo, que o martes concentrarase diante das oficinas do BBVA no Callao, na defensa dunha causa xusta, que EU non pode deixar de apoiar.
O inxusto comportamento da entidade bancaria BBVA semella non ter en conta os esforzos desenvolvidos para manter aberto un pequeno negocio que ten supón o posto de traballo de 4 persoas. Para Esquerda Unida o mantemento do emprego e o respecto a un acordo verbal coa entidade bancaria vale máis que tentar facer caixa contra varias persoas traballadoras, veciñas da nosa cidade.