Desastrosa xestión agraria

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2013.- En decembro do pasado ano, ante a situación dramática do sector lácteo, Alberto Nuñez Feijoo comprometeuse coas organizacións agrarias a adoptar medidas para mellorar a desastrosa situación económica das explotacións leiteiras en Galiza. Entre eses compromisos figuraba a defensa, ante o Goberno central e o seu ministro Arias Cañete, de mecanismos que impidan a venta de leite por debaixo dos prezos de custe, é dicir venda a perdas. E de incluílos na Lei de Seguridade da Cadea Agroalimentaria. Cinco meses despois, todos os grupos con representación no Parlamento galego comprometéronse a presentar alegacións á mencionada norma na mesma dirección.

Pero o Partido Popular, e con el o presidente da Xunta, optaron pola traizón: non presentaron as alegacións pactadas e escusáronse cun informe da denominada Comisión de Defensa da Competencia. Este mesmo organismo é o que permite o abuso da industria e da distribución sobre os produtores e mais a venda continuada a perdas. Para o deputado Antón Sánchez, de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), esta situación resulta insostíbel. “O presidente da Xunta nin é serio nin toma en serio o drama do sector”, denuncia, “e nin sequera é quen de cumprir a súa palabra, dada aos sindicatos agrarios”. Segundo Sánchez, Núñez Feijóo conta por fracasos a xestión agraria do seu Executivo: o desmantelamento de Alimentos Lácteos, a Política Agraria Común, a reforestación de terras agrarias, a parálise do Banco de Terras… “Ten que rectificar, porque está a esnaquizar un sector estratéxico para o noso país e a a proba e que ao longo do seu mandato, cada ano, pecharon arredor de mil explotacións”, critica o parlamentario de Alternativa.

AGE rexistrou no Parlamento diversas iniciativas para instar a Feijóo a non traizoar a súa palabra sobre o particular.

Relacionados