No seu momento, Esquerda Unida presentou alegacións, que contaban co respaldo da maioría destas asociacións veciñais e foron desestimadas. Estas alegacións consistían no seguinte:
1.- Incorporar o seguinte parágrafo no punto 2 do artigo 25 coa intención de incrementar a capacidade de decisión da veciñanza, empoderando á cidadanía mediante a constitución dunha nova ferramenta de participación cidadá:
d) Nos casos de que a solicitude de autorización supoña unha excepcionalidade ou corresponda a un establecemento de hostalería que non pertenza ao grupo I da Ordenanza municipal medioambiental reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións, o solicitante deberá achegar un documento que acredite que a lo menos o 51% dos veciños e veciñas afectadas pola instalación da terraza avalen a devandita solicitude. Enténdese por veciñanza afectada aquelas persoas que, no día de presentación da solicitude, se atopen censadas en vivendas cuxos portais se atopen dentro dun radio de 5 m. dende cada extremo da terraza.
2.- Incorporar una Disposición adicional para evitar posibles situacións de arbitrariedade derivada da flexibilidade da norma, incrementar a participación cidadá e a transparencia no seguimento da normativa, tanto a nivel das concesións como do control do cumprimento da normativa. Concretamente consiste en definir a Comisión de seguimento da que se fai mención na exposición de motivos de maneira xenérica.
Terceira.- Para garantir a correcta aplicación e desenvolvemento desta Ordenanza crearase unha Comisión Especial de Terrazas para o seguimento, asesoramento, coordinación e control. A devandita comisión, cuxo regulamento será aprobado en Pleno do Concello, estará composta por un representante: de cada federación veciñal, do sector hostaleiro, das persoas con minusvalía, de cada grupo da oposición, do colexio de arquitectos e da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, ademais dos técnicos municipais e o concelleiro designado polo goberno municipal. Será misión da devandita Comisión emitir ditame sobre todas as solicitudes de autorización que supoñan unha excepcionalidade ou correspondan a un establecemento de hostalería que non pertenza ao grupo I da Ordenanza municipal medioambiental reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións. Asemade os membros da comisión poderán desenvolver funcións de enlace entre a veciñanza e o Concello, achegando a dita comisión as denuncias que reciban, tanto de veciños e veciñas particulares como de colectivos e asociacións.
Anteriormente, Esquerda Unida estivo a desenvolver durante un mes un intenso calendario de xuntanzas coas asociacións veciñais para recoller o mínimo común múltiplo das demandas da cidadanía do común. Dita labor comezou coa entrega dun dossier informativo que incorporaba a ordenanza municipal e resumos explicativos e comparativos coa anterior ordenanza en canto a horarios, espazos e réxime sancionador.
En definitiva, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que o goberno municipal está a desprezar as emendas presentadas á ordenanza de terrazas optando por unha nova ordenanza arbitraria e desequilibrada que desatende as esixencias veciñais, xa que a única alegación aceptada procede da Asociación para a dinamización económica e social de Elviña II Fase, a que se lle admitiu unha proposta para autorizar a permanencia do mobiliario da terraza no espazo público ata o horario de pechadura do local, favorecendo deste xeito, única e exclusivamente, ao sector hostaleiro.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “este é outro claro exemplo da dobre vara de medir do PP, por unha banda anuncian a procura do consenso e por outra desatenden as principais reivindicacións veciñais”.