Desidia do concello polo galego

O artigo 3 da CE indica que «As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos». En consonancia coa Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5 dispón que «A lingua propia de Galicia é o galego» e que «Os poderes públicos de Galicia garantirán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa …».

A Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística, no artigo 2, reitera este mandato, concretando que «Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma galega». E establece no seu artigo 4.1.º que «O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma, da súa Administración local e das entidades públicas dependentes da comunidade autónoma».

Pero, a pesares deste amplo sustento normativo, o goberno municipal do PP seque sen empregar e promocionar o uso do galego, xa que logo, Esquerda Unida denuncia que o goberno municipal non utiliza o idioma galego, contribuíndo a súa desaparición con accións como a eliminación da partida de fomento para a lingua nos orzamentos municipais, a desaparición da formación en galego para traballadores municipais ou a notable redución da documentación interna en galego, entre outras.

Neste sentido, o grupo municipal de Esquerda Unida- Os Verdes rexistrou unha batería de preguntas para coñecer as accións que ten previsto realizar o goberno municipal para promocionar o uso da lingua galega”. Concretamente:

– ¿Considera o goberno municipal que está a potenciar o uso do Galego?

– ¿Ten pensado o goberno municipal levar a cabo algún tipo de campaña para promocionar a nosa lingua entre a comunidade educativa?

– ¿Que actuacións vai realizar o goberno municipal para que o idioma Galego sexa de uso habitual nos documentos do concello?

 

Finalmente, o voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “resulta lamentable ver como dende o Concello se incumpre coa lexislación vixente de normalización do uso do galego ao empregarse dende unha institución pública o castelán como vehículo habitual de expresión oral e escrita”.

Relacionados