Desigualdade terrazas e caixeiros

Esquerda Unida lamenta que o goberno municipal cargue con taxas á hostalaría mentres conxela a carga fiscal dos bancos. En 2014 cada banco aportará en taxas, como promedio por caixeiro, un 75% menos que un local de hostalería pola súa terraza. Unha política incomprensible que demostra que o goberno municipal beneficia ás grandes empresas mentres prexudica a maioría social. Así o Sr. Negreira castiga fiscalmente ás actividades xeradoras de emprego, mentres beneficia a outras actividades que fomentan o desemprego. Pois os caixeiros automáticos, aínda que é un servizo necesario, tamén é unha tecnoloxía que aforra gastos en persoal as entidades bancarias, por iso, co paro actual non poden recibir un gravame considerablemente menor que outras explotacións do espazo público que repercuten en postos de traballo.

O artigo 6 da ordenanza fiscal nº32, reguladora da taxa por ocupación de terreo de uso público local, fixa unha tarifa base para os caixeiros automáticos de tan só 210 €, que se traduce nun pago dos bancos ao concello de entre 150 e 300 euros anuais. Os hosteleiros, pola súa banda, deberan realizar esforzos de pago que median os 1000 € anuais por local con terraza.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón un incremento da taxa dos caixeiros para adecuala a doutras cidades, na procura de cumprir na Coruña o principio de quen máis ten mais achega. Nas alegacións ás ordenanza fiscais de 2014 reclamamos un aumento das tarifas base dos caixeiros automáticos para pasar dos 210 € de 2013 a 525 € en 2014, sen embargo a alegación foi rexeitada e a taxa conxelada nesa base. Ao mesmo tempo outras taxas que afectan a toda a cidadanía ou, como no caso que nos ocupa, a pequena empresa, endurecéronse. O PP mantén a súa política de beneficiar a grandes empresas en detrimento da veciñanza, pois rexeita de pleno calquera achega para lograr un maior equilibrio na carga tributaria.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “os sectores causantes da crise deben achegar máis recursos á sociedade, os gobernantes sensatos deben mediar para que todos teñamos igualdade de oportunidades. Especialmente o sector bancario debe achegar un extra, por ter sido rescatado a pesar de ofrecer cada día menos postos de traballo e bloquear o fluxo de capital cara a actividade produtiva e as familias traballadoras, así como polas continuas reducións de cadro de persoal. Non debemos esquecer que cando a actividade financeira recibe un trato de favor, sempre é a costa da base social”.

Relacionados