Desmantelamento Penamoa

 

Esquerda Unida considera que co derribo das últimas chabolas en Penamoa o problema non está resolto por iso esixe a súa inmediata rexeneración para evitar novos asentamentos nos arredores como está a denunciar a Plataforma do Ventorrillo. Apostamos por un plan integral de rexeneración de Penamoa consensuado cos veciños e veciñas, que debe  comezar pola retirada de refugallos e materias tóxicos de maneira sustentábel e saudábel, para inmediatamente reutilizar o espazo para fins sociais e pagar, así, a débeda histórica que o Concello ten coa veciñanza do Ventorrillo, A Silva, Cance, Penamoa ou A Moura, grazas aos terreos de propiedade municipal alí existentes.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes propón a creación dun aparcadoiro disuasorio gratuíto e un grande espazo de lecer e servizos para a cidadanía que inclúa un parque con zonas de hortas urbanas e verxeis de froiteiras para promover a agricultura ecolóxica como entretemento, deporte e, incluso, como oportunidade para as persoas desempregadas permitindo avanzares cara a soberanía alimentaria coruñesa.

 

O aparcadoiro situaríase ao carón da terceira rolda para evitar a entrada de vehículos no centro da cidade, pero que tamén podería ser utilizado pola veciñanza habida conta dos graves problemas de aparcamento que padece a zona.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “non comprendo como os culpábeis da desfeita de Penamoa que fixo sufrir á veciñanza do Ventorrillo durante décadas poidan agora sacar peito e atribuírse o derribo e o plan de inserción como un éxito”, hai que lembrar que nos anos 80 o alcalde Paco Vázquez fomentou a creación do gueto de infravivendas concentrando a chabolistas doutras zonas da cidade como os que ocupaban a zona do Corte Inglés e dende entón o Concello nunca tivo en conta a veciñanza do Ventorrillo, abandonada a súa sorte entre xiringas durante de 30 anos.

 

Finalmente, César Santiso, brindou todo o apoio de Esquerda Unida ao Goberno municipal para avanzares na rexeneración e reutilización de Penamoa, así como para calquera acción tendente a rematar coa ocupación ilegal do edificio da Moura, a cuxos donos Santiso enviou unha mensaxe de solidariedade porque “somos conscientes do sufrimento das familias traballadoras que ven perigar o seu sono de acceder a súa propia vivenda, así como a súa economía ao ter que facer fronte a unha hipoteca e un aluguer. Poñemos o noso grupo municipal ao seu servizo para axudar en todo o que sexa posíbel”.

Relacionados