Javier Galán, voceiro do grupo, considera que a nefasta xestión da Cámara de comercio, con presuntas irregularidades na adxudicación de contratos que están a ser investigadas pola fiscalía e unha continuada incompetencia para acadar eventos ao longo dos últimos anos é tan só unha parte da responsabilidade no afundimento de FIMO. A outra parte, a máis grave por provir dun goberno coñecedor desta situación e que non soubo resolver a tempo, ven do equipo de Jose Manuel Rey Varela, quen logo de rescatar ao Consorcio con cartos do Erario Público, por culpa dos desmáns e neglixencias da Cámara de Comercio, diñeiro público que ben podería destinarse á creación dos postos de traballo tan necesarios na nosa comarca.
Reprodúcese a pequena escala o rescate bancario das caixa: unha entidade que debería ser fiscalizada polo goberno está a piques de quebrar, para evitalo inxéctase unha cantidade importante de diñeiro das arcas municipais, sanéase e evítase depurar responsabilidades administrativas e incluso xudiciais dos nefastos xestores da mesma, os xestores da Cámara de Comercio.
Para Javier Galán o máis grave é que pretende solventarse un problema político e financeiro pola parte máis débil: o traballador. A política municipal, que deu bandazos entre a idea da fundación, o consorcio e incluso a posible privatización, canaliza a incompetencia política no despedimento de cinco traballadores que engrosarán a avultada lista do paro da nosa cidade, cinco traballadores que non teñen responsabilidade algunha na falta de fiscalización municipal da xestión do Consorcio, dos puntos escuros na concesión de contratos e o malgasto de cartos públicos da Cámara, quen, recordemos leva anos sen cumprir a obriga de facer a aportación económica que establecen os estatutos de FIMO. En consecuencia: FIMO é sustentado por cartos municipais, que xestiona mal a Cámara de comercio sen control de goberno e as consecuencias non son para os xestores da cámara, senón para os traballdores e traballadoras.
Mañá as once da mañá o grupo municipal de EU e a área de traballo e economía social do Consello Local manterán unha reunión cos traballadores despedidos ao fin de artellar unha solución política a un problema de desleixo, irresponsabilidade e neglixencia do Partido Popular.