Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2013.- Para Alternativa Galega de Esquerda, “o que están a facer cos paradores galegos é dar máis pasos no camiño da privatización da empresa estatal”. Así o manifesta a viceportavoz do grupo parlamentario Yolanda Díaz, á luz do expediente de regulación de emprego asinado antonte en Madrid que inclúe o despedimento de 35 traballadores nos paradores de Galicia. Díaz lembra que a compañía propiedade do Estado español non dá perdas económicas e que “nin sequera na súa lóxica economicista é xustificábel” deixar na rúa a 12 traballadores do Hostal dos Reis Católicos en Santiago, nove en Baiona, seis en Ferrol –onde desaparecerán os servizos de comedor e de cociña-, dous en Pontevedra, Vilalba e Santo Estevo, e un en Tui e Cambados.
“A estrutura de Paradores ten un staff directivo máis grande que o dunha multinacional”, denuncia a parlamentaria de AGE, “nin sequera os propios sindicatos dan coñecido os seus directivos. Iso é absolutamente inxusto”. Yolanda Díaz salienta que foi a presión sindical e social a que fixo remodelar o plan inicial da dirección de Paradores e que esa é a única maneira de frear a agresión.