Despilfarro no Sergas

Alternativa Galega de Esquerda denuncia a incomprensible situación que se está a vivir no Hospital Lucus Augusti de Lugo onde máis de 200 camas permanecen pechadas mentres se están a derivar os doentes á hospitais privados para o que a Dirección Provincial de Lugo do Sergas destina máis de 500.000 euros mensuais, máis de seis millóns de euros ao ano nun servizo que perfectamente podería ser asumido polo HULA e que supón polo tanto un despilfarro dos recursos públicos.

O deputado Ramón Vázquez Díaz, de Alternativa Galega de Esquerda, considera inadmisible a situación que se está a vivir no HULA ademais de supor un auténtico fraude xa que cando os doentes son derivados a sanidade privada e esixen ser atendidos na pública, son trasladados aos últimos postos da lista de espera o que supón un claro ataque aos seus dereitos sanitarios. Nestes casos ademais, os doentes que apostan por ser atendidos na Sanidade Publica, pasan a formar parte das chamadas listas de espera non estruturais, que son definidas como aquelas que non son atribuíbles á organización nin ós recursos dispoñibles polo SERGAS.

Por este motivo Alternativa Galega de Esquerda, ven de presentar unha Proposición non de Lei na que se insta ao Goberno Galego a que publique sen demora, os tempos de espera existentes na lista de espera estrutural, así como o número de doentes incluídos nesta lista.

Na práctica esta distinción entre listas de espera estruturais e non estruturais, non é máis cun recurso para enmascarar os tempos de espera , as cifras reais  de persoas que permanecen en espera e o número de doentes que son derivados a hospitais privados.

 

Relacionados