Desprezo do PP ás enmendas

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2013.- “De pouco vale que se fagan emendas racionais, porque aquí non se debate o uso da razón”, resumiu onte o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, “senón que se debate entre o si bwana e o green go home”. Esta mañá, na votación das máis de mil emendas presentadas polos grupos de oposición –PSdeG, AGE e BNG- aos Orzamentos da Xunta para o ano 2013, quedou demostrado que, efectivamente, o si bwana é a ideoloxía imperante nas bancadas do Partido Popular. E así, todas e cada unha das propostas non emanadas da dereita foron desprezadas. O rolete acrítico como método de facer política serviu para afirmar un proxecto orzamentario que implica tesoiras en sanidade, educación e servizos sociais. Ou, como definiu Beiras, “é Robin Hood ao revés, rouba aos pobres para llo dar aos ricos”.

Entrementres o PP despechaba calquera disidencia parlamentaria, ás portas da Cámara galega estudantes e traballadores da universidade pública protestaban contra os recortes en educación que conteñen as novas contas de Alberto Núñez Feijóo. Deputados de AGE saíron a se solidarizar con eles. Unha decena de furgóns de antidisturbios, cuxa placa de identificación non estaba á vista, encargouse de rodear a sede da soberanía popular para impedir que a cidadanía se achegase á mesma. “O grupo maioritario deu un recital de como non se admite nada, ningunha idea, ningunha proposta”, expuxo Xosé Manuel Beiras na última das súas intervencións no pleno sobre os Orzamentos, “e converten o Parlamento nunha chacinería onde os chourizos entra feitos e saen idénticos”. Para concluír, o portavoz de AGE advertiu á dereita de que a súa actitude unilateral, hermética, “fai unha exhortación á rebelión cívica, pacífica pero non necesariamente en sede parlamentaria”.

Relacionados