Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2013.- O voceiro de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, lamentou que o Partido Popular continúe a atacar á cidadanía do común mantendo unhas políticas irracionais e fracasadas que lles sirve de “coartada para acabar cos servizos sociais no noso país para dar negocio aos seus amigos que son os que despois pagan os sobresoldos”.
Durante a súa intervención no “simulacro de pleno” no que a Conselleira de Facenda, Elena Muñóz, presentou o teito de gasto para o vindeiro ano, Xosé Manuel Beiras afirmou que se os deputados do seu grupo non se ausentaban “deste pitorreo” é simplemente por respecto á institución parlamentaria e á cidadanía xa que a información relativa ao pleno foi remitida aos grupos da oposición apenas 24 horas antes da sesión e as intervencións da oposición limitouse a unha única de dez minutos.
O voceiro de AGE acusou así mesmo ao goberno galego de mentir xa que unha vez máis tentan enganar á cidadanía en canto a débeda cando a realidade é que o goberno do PP sumou xa máis do dobre do endebedamento de Galicia desde o inicio da democracia. Os datos e a realidade demostran que a tan defendida austeridade do PP que está a agredir a maioría social do noso país, fracasa incluso á hora de acadar os obxectivos económicos marcados por eles mesmos. Proba disto é que Galicia a 1 de agosto supera xa o límite de endebedamento marcado polo Goberno central para todo o ano.
Deste xeito a Xunta de Galicia continúa a traballar a por destruír o noso país a todos os niveis actuando como servos das oligarquías e a plutocracia europea tal e como se reflicte do teito de gasto financieiro, aprobado en solitario polo PP, e que supón un novo ataque a Galicia e á cidadanía do común.






