Deterioro da atención primaria

 

Esquerda Unida manifesta que o bloqueo das axendas de moitos profesionais sanitarios cando estes están de baixa, vacacións ou permiso, fai que neses períodos os cidadáns ademais de non ter acceso o seu medico de cabeceira, carezan da asistencia sanitaria ordinaria.

 

Dende mediados do mes de Novembro, o SERGAS non procede a substitución do persoal sanitario dos Servizos de Atención Primaria contratando médicos en paro ou prorrogando a xornada dos facultativos en activo, senón que se procede a chamada intersustitución que non é outra cousa que repartir os pacientes entre o persoal dispoñible. Outros días directamente se pasa a pechar a axenda do medico polo que os pacientes quedan sen atender.Esta situación afecta igualmente ao persoal de enfermería e administrativo, de feito para substituír a estes últimos, se ten instalada unha centraliña telefónica cara, pouco funcional e dificilmente entendible para os usuarios.

 

A precarización do servicio está levando a que cando a Consellería de Sanidade se ve obrigada a facer substitucións , sobre todo en centros pequenos e con pouco persoal, se procede a realizar contratos de media xornada, obrigando ao persoal contratado das listas do paro a realizar o traballo da xornada completa en media xornada.

 

Esta sobrecarga dos servicios sanitarios implica, entre outras consecuencias, que haxa días nos que os médicos cheguen a atender a perto de 60 pacientes ou que se de cita a tres persoas para a mesma hora. Esta irresponsable xestión por parte da Directora Xerente de Atención Primaria, dona Ana María García Cedrón, así como por parte da Conselleira de Sanidade, dona Rocío Mosquera Álvarez, está tendo como consecuencia un empeoramento da atención aos pacientes e un risco grave para a saúde dos cidadáns por carecer dunha atención sanitaria básica axeitada.

 

Esquerda Unida mantivo diversas reunións con traballadores dos centros de saúde da cidade, quenes advertiron do risco que conleva unha atención deficiente e masificada derivada desta situación. Neste momento, son cada vez mais os pacientes que non reciben atención nin cita, salvo “urxencia vital”.

 

Por outra parte, este deterioro dos servicios sanitarios públicos, afecta a todas as áreas implicadas. Resulta especialmente grave a supresión das prazas de limpeza e o establecemento de persoal de limpeza itinerante ou reténs, que acoden baixo demanda dos facultativos, o que conleva que cando un paciente sufre algún tipo de incidencia derivada da súa doenza , teña que agardarse a chegada do persoal de limpeza dende outro centro ou que os usuarios sexan atendidos sen as debidas condicións de limpeza e hixiene.

 

EU reitera o seu compromiso na defensa da sanidade pública.

 

Relacionados