Deterioro estrada Avda. de Oza

 

Esquerda Unida considera un malgasto que o Concello utilice os servizos municipais para arranxar a calzada da Avda. de Oza, non cabe dúbida de que o problema existía dende fai tempo, como viña denunciando a asociación de veciños Oza-Gaiteira-Os Castros, e xa que logo tiña que resolverse pois supoñía un risco para a seguridade do tráfico e unha molestia para a veciñanza. Mais o rápido deterioro do firme nun período tan curto suxire eivas na obra acometida.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes lamenta que o goberno municipal permitise que o período de garantía expirase sen esixir a reparación dos danos á empresa construtora. O que constitúe un grave erro de xestión por parte do PP que en lugar de velar polos intereses dos coruñeses e coruñesas, permite con esta actuación que a empresa construtora evite ter que facer fronte aos custos de reparación, que agora tense que desenvolver a conta dos cartos públicos do Concello.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “curiosamente esta actuación desenvolvese cos cartos de todos e todas, tres meses despois de que se cumprise o ano de garantía, a pesares de que tempo atrás a A.VV. Oza-Gaiteira-Os Castros xa tiña denunciado os defectos, semella inadmisíbel que un goberno que presume de austeridade e de aforro, teña semellante “descoido” cunha construtora”.

 

Xa que logo, o grupo municipal de EU-V, preguntará no Pleno do Concello cales foron os motivos polos que o Goberno municipal deixou expirar o prazo de garantía a pesares de que xa existían danos na obra executada e por lo tanto non esixiu a súa inmediata reparación á empresa construtora?

 

Por outra banda, preguntarase tamén si o Concello terá en conta este tipo de eivas a hora de desenvolver novas contratacións, xa que normalmente prodúcense preto do tempo de expiración da garantía no que semella unha artimaña para aforrar custes a consta da perda de calidade en técnicas e materiais utilizados.

 

Relacionados