Día contra a violencia de xénero

 

Para Nair Rodríguez, Responsable da Área de Muller de EU-Vigo, existen moitas caras da violencia contra as mulleres, algunhas delas derivadas das condicións socioeconomicas actuais que afectan especialmente ás mulleres xovenes e inmigrantes e outras das políticas de dereitas realizadas polo PSOE e que virán incrementadas coas políticas do PP como a previsible extrapolación da Lei da Familia ao ámbito estatal.

 

Esta lei uniformiza un modelo de familia no que a muller queda relegada ao ámbito do fogar asumindo a teoría de que a única labor feminina é a crianza e o coidado dos maiores e dependentes e non a independencia económica e o desenvolvemento profesional ou laboral.

 

Pero tamén é unha forma de violencia, a prostitución e a trata de mulleres con fins de explotación sexual. Nair Rodríguez lembra que Esquerda Unida foi o único partido político que nas pasadas eleccións xerais levou no seu programa a equiparación legal das vítimas de trata, tráfico e prostitución e o non a súa legalización, propoñendo un modelo abolicionista que criminalice a clientela e non ás mulleres.

 

Igualmente a crise capitalista arroxa un saldo de explotación laboral e exclusión das mulleres traballadoras así como formas de violencia patronal como o acoso sexual no traballo, os despidos por embarazo ou salarios inferiores en igualdade de formación academica e capacidades respecto os homes.

 

Esquerda Unida chama a participación activa das mulleres na loita polos seus dereitos a través da organización en asociacións, colectivos, sendo as protagonistas dun modelo de cambio económico e social.

 

Esquerda Unida participará na Manifestación convocada en Vigo pola Marcha Mundial das Mulleres o vindeiro venres 25 de novembro ás 20:00 h que sairá da farola de Urzáiz.

Relacionados