Día da auga

A única medida coñecida de aforro proposta polo Alcalde de Nigrán consiste “en instalar nas duchas das praias un sistema intelixente de activación mediante tarxetas recargabeis cun custe que será simbólico”.

Segundo o alcalde esta medida permitirá aforrar até un 60% de auga. Ante esta proposta, e co obxecto contrastar as declaracións e de facer unha proposta seria de política de aforro da auga en Nigrán, Esquerda Unida solicitou diversa documentación ao Concello referida ao tema pero o Alcalde non a facilitou. Trátase, unha vez máis, dunha mostra da falta de transparencia e de incumprimento da legalidade ao denegar ao acceso a información sobre o medio ambiente, como é neste caso a auga. Entre a documentación solicitada estaba o convenio á que se refería o Alcalde nas súas declaracións, asinado entre a Consellería de medio ambiente e o Concello, en virtude do cal se instalarían estes sistemas “intelixentes”, o estudo no que se baseaba para afirmar que se podía aforrar até un 60% do auga, o consumo das augas das duchas das praias durante os últimos anos, así como as perdas de auga que se producen no concello de Nigrán.

A pesar do silencio do Concello de Nigrán, Esquerda Unida conseguiu unha copia do convenio asinado o 9 de agosto de 2012, así como a adenda a dito convenio asinada o 28 de novembro de 2012, no que se indica que o custe total das actuacións derivadas do referido convenio ascende a 63.076,90 euros para a posta en marcha no Concello de Nigrán de medidas de aforro de auga a través de sistemas de control intelixentes. Nese convenio, e sempre que non se asinara outra prorroga, o Concello tiña que presentar antes do día 26 de decembro do ano 2012 copia dos xustificantes de gastos, así como o acta de recepción unha vez finalizada a obra. No caso de que non se asinara unha nova prorroga o Concello de Nigrán volvería a perder unha subvención como recentemente ocorreu para os proxectos de creación e posta en funcionamento dunha páxina web turística no concello de Nigrán, así como a rehabilitación e acondicionamento do Faro de Nigrán.

Esquerda Unida propón, como xa fixo no período de alegacións á subida das taxas do auga, que se modifique a política tarifaria do auga, xa que agora mesmo a veciñanza de Nigrán vai a pagar un mínimo de 60 metros cúbicos de auga cada trimestre, os consuma ou non. Dito mínimo e maior que o consumo estimado para unha vivenda na que vivan 3 persoas, co que se está a fomentar o despilfarro do auga a cambio de ter uns ingresos ao cobrar por un auga que en moitos casos non se consume. Por comparar con concellos limítrofes para o mesmo período de tempo en Baiona e en Vigo o consumo mínimo é de 30 e 45 metros cúbicos respectivamente. Tamén propón que se instalen contadores de auga en todas as instalacións municipais para poder controlar o consumo de auga, xa que segundo as informacións que temos, existen instalacións que carecen de contadores, así como o control das perdas de auga que se podan producir na rede de abastecemento.

Por último salientar neste día Mundial da Auga a necesidade da xestión pública da mesma. Trátase dun dereito humano que non debe estar  vencellada a intereses mercantilistas. En Nigrán está a piques de rematar a concesión do servizo, que leva en vigor dende os tempos de Avelino Fernández. Dende Esquerda Unida non consentiremos prorrogas de dita concesión e apostaremos pola remunicipalización de dito servizo, para que a xestión do auga pase a ser unha responsabilidade pública, sen que isto implique, como se escoita ás veces, unha perda de eficiencia.

Adxuntamos a continuación o contrato “da xestión integral do servizo municipal de abastacemento de auga e saneamento” e o convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para a posta en marcha de medidas de aforro a través de sistemas de control intelixentes.

Relacionados