Día da clase traballadora

A executiva nacional de Esquerda Unida fai un chamamento á unidade de acción sindical e social fronte aos ataques do capital. O día internacional da clase traballadora debe ser o exemplo de dignidade e unidade, máis alá dos intereses partidistas de quen defende aos traballadores e traballadoras deste país. As organizacións sindicais deben ser os piares da clase traballadora o exemplo de loita e defensa dos dereitos duns e doutros porque a clase traballadora non responde a fronteiras pero sí a abusos.

Recortes en sanidade, en educación, en xustiza, en dereitos, en dignidade, recortes na calidade de vida das persoas nun proceso no que asistimos ao desmoronamento do sistema de benestar e dos dereitos que compañeiros e compañeiras gañaron moitos deles coa súa vida. Non é xustificable que coas agresións que estamos a padecer, os sindicatos non sexan quen de achegar unha proposta de mobilización unitaria, porque somentes a loita unitaria pode derrotar a violencia e barbarie que nos impoñen os capitalistas coa complicidade dos goberniños obedientes.

Yolanda Díaz, coordinadora e deputada de Esquerda Unida manifesta que “os tempos son chegados, só coa unidade seremos quen de facer dimitir a este goberno, dende a rúa e dende a institución”. A unidade é quen de facer quebrar o sistema, é preciso organizármonos para rematar coa imposición das elites capitalistas que pretenden sumirnos na pobreza e na indefensión. O primeiro de maio, é un día de empoderamento da rebeldía cidadá, é un día máis no que saímos á rúa a demostrar que si queremos, podemos.

Cada vez somos máis os agredidos, cada vez somos máis os que pelexamos.

O 1º de maio debemos demostrar que o medo vai cambiar de bando.

 

Relacionados