Día da constitución

Abondan de cote as políticas contrarias á Constitución, asemade da contrarreforma pactada de costas á cidadanía e feita para satisfacer os rendistas, financeiros e banqueiros a conta dos nosos dereitos de cidadanía social.

Javier Galán denuncia a hipocrisía dos gobernantes que se pasan 364 días do ano vulnerando os mandatos constitucionais para caer na conta dos valores do texto legal o día da súa conmemoración. Da Constitución hai que lembrarse de cote, cando  Bruxelas e a troika ditan os mandatos do capitalismo da globalización neoliberal e destrozan os dereitos laborais, económicos, sociais e culturais que se acadaron grazas ás loitas obreiras e populares que levaron á fin da ditadura.

Esquerda Unida avoga pola construción dun proceso constituínte que recupere e amplíe os dereitos constitucionais e sirva para garantir condicións de vida digna a nosa cidadanía. Cando os datos de novembro supoñen outra constatación ( e van… ) da negación da Constitución por unha política que somentes satisface a banqueiros, defraudadores e grandes empresarios, EU non vai acompañar ao PP nesa cerimonia hipócrita de louvar un texto que se ignora e contradí  en cada consello de ministros.

Se queren facer unha homenaxe á Constitución do 78 o que teñen que facer e cumprila e, xa que logo, garantir o dereito ao traballo, o dereito á unha vivenda digna, o dereito a unha pensión pública suficiente, o dereito a unha sanidade e ensino públicos, o dereito a vivir no noso país coa nosa lingua e cultura, etc,. EU insta aos herdeiros políticos da ditadura, a ese PP que se nega a condenar a ditadura franquista, a facer ese exercicio conmemorativo. O demáis semella apenas propaganda.

Relacionados