Día de acción pola saúde das mulleres

A feminización da pobreza, responsabilidade do sistema capitalista e heteropatriarcal no que vivimos, contribúe notablemente ao empeoramento dos determinantes sociais sanitarios, elementos clave na prevención e promoción da saúde.

Por outra banda, as lexislacións restrictivas en materia de dereitos sanitarios, especialmente en canto aos dereitos sexuais e reproductivos só fan empeorar máis a calidade de vida das mulleres, tamén no noso medio.

O RD 16/2012 que rematou co acceso universal ao sistema sanitario, é causante que grande cantidade de mulleres migrantes se atopen nunha situación moi vulnerable en canto á protección da súa saúde. Incluso, no Sistema de Protección ideado pola Consellería de Sanidade no que establecía unha tarxeta sanitaria de beneficiencia, a atención puerperal para as nais limítase a dous meses dende a data probable de parto, expoñendo ás mulleres a non seren atendidas no caso de ter complicacións máis aló de esa data.

O desmantelamento dos COF é unha realidade. A amortización de prazas de profesionais sanitarios e sanitarias nestes centros, non fai se non contribuir á perda de dereitos sexuais e ao empeoramento dos niveis de saúde. A ausencia de matronas nos centros sanitarios galegos é outra constante que está agravar o acceso aos nosos dereitos, todavía máis agora, toda vez que a carga de traballo de esta categoría profesional aumentou, tendo que realizar as revisións de saúde xinecolóxica, sen aumento das plantillas.

A atención ao parto en Galicia segue moi lonxe de respetar as propias indicacións do Ministerio de Sanidade a cerca dos dereitos das mulleres e o parto respetado. A ausencia de instalacións propicias para poñer en marcha protocolos de mellora na atención ao parto e os propios recortes de persoal únense ao escaso interese da Administración por fomentar e garantir unha maternidade consciente.

A ameaza do Partido Popular aos nosos dereitos reprodutivos, tratando de limitar o acceso ao aborto, continúa estando tamén nas axendas da dereita. Dende Esquerda Unida non imos baixar a garda na loita para garantir que todas as mulleres do noso país poidamos ter acceso a un aborto seguro, gratuito e na sanidade pública.

Mantemos que as mulleres deben ser as que decidan como e cando queren ser nais, por iso tamén resultan incomprensibles as amplas listas de espera para a reprodución asistida na nosa sanidade, máis aínda cando ao Goberno “se lle enche a boca” falando da crise demográfica. Semella que os dereitos sexuais e reprodutivos e os dereitos sanitarios, baixo a lóxica da dereita, so están asegurados para aquelas mulleres que teñen suficiente capacidade económica para asumir o custe da asistencia privada.

 

Esquerda Unida continuará a súa loita polos dereitos das mulleres dende as rúas e dende as institucións. Non existirá democracia real mentres a non exista igualdade real entre os dereitos de homes e mulleres.

Relacionados