Día de loita contra a Sida

 

Cremos que non só é importante loitar por ter o dereito a unha prevención real, senón que tamén debemos loitar polo dereito a non ser discriminado/a por vivir co VIH, así como o dereito a vivir unha vida que pague a pena ser vivida, sen a dor da exclusión nas marxes do sistema mediante a violencia e a desprotección.


Fronte a unha situación onde as cifras de infeccións por VIH non deixan de crecer, vemos con sorpresa como os gobernos recortan sobre os poucos recursos públicos que se invertían. Tanto o PP coma o PSOE teñen recortando recursos na súa loita contra o VIH.


Algúns exemplos diso son as medidas tomadas pola Xunta de Galicia (PP) que recortou as subvencións, deixando sen fondos ás asociacións que traballan a prevención, ou as tomadas polo goberno de Zapatero (PSOE), que conxelou os fondos de axuda para o Fondo de Loita Mundial contra a SIDA, a tuberculose e a malaria. Mentres tanto, estes dous partidos
constitucionalizan o neoliberalismo radical co fin de priorizar os intereses dos banqueiros fronte os intereses dos de abaixo, e dos que viven co VIH.


As complicidades dos dous grandes partidos en todo aquilo que sexa beneficiar aos de sempre debilitaron os nosos dereitos nos centros de traballo, deixando á cidadanía desprotexida ante calquera discriminación. As reformas laborais aprobadas arrasan cos escasos dereitos laborais que
tiñamos, repercutindo así á hora de ocultar despedimentos sobre a base de discriminacións indirectas.


As privatizacións dos servizos públicos, así como a ameaza do copagamento na sanidade pública, parécenos que deslexitiman calquera mostra de atención cara ao problema do VIH. Cando se privatiza a sanidade, delégase a empresas que priorizan os seus beneficios fronte
á nosa saúde, refórzanse as exclusións entre as persoas que necesitan atención sanitaria e pérdese a súa intención universalista, e iso que nunca foi realmente universal!, como no caso das persoas emigrantes en situación administrativa irregular, mostra que evidencia que o suposto “Estado de Benestar” que están a desmantelar nunca o foi para todas as persoas. Por iso cremos nunha sanidade pública, universal e de calidade, que inclúa todas aquelas prestacións que necesitan as persoas que viven co VIH, sen excepcións, como poderían ser as operacións por lipodistrofia.


Por outro lado, o desmantelamento da escola pública xunto ao aumento do financiamento da escola privada, entre a que se encontra frecuentemente a católica, permítenos ver que, entre as intencións dos actuais gobernos, non está precisamente a incorporación da educación
sexual no sistema educativo nos termos nos que reclaman os colectivos LGTBI. Esta inclusión curricular parécenos esencial e innegociable para que os e as mozas poidan acceder a unha educación sexual digna que impida que as prácticas de risco e non saudables se normalicen.

 

Non pretendemos impoñer un modelo de sexualidade ideal que supere os valores da igualdade, a liberdade e a saúde en todas as nosas relacións, senón que propoñemos unha educación baseada no coñecemento e non en mitos heteropatriarcales e insáns que só producen relacións de subordinación, risco e insatisfacción.


Dende ALEAS preguntámonos, que pasa coas lesbianas e/ou bisexuais que non aparecen nas campañas de prevención contra o VIH e ITS? Cremos que esta invisibilidade ten causas arraigadas na concepción patriarcal das mulleres, que considera a súa sexualidade como homoxénea, submisa e
durmida. As bolleras, as bisexuais e as trans son activas sexualmente e esiximos que existan campañas onde tamén sexa protagonista a súa saúde. Dende ALEAS-EU esiximos que se ofrezan recursos para iso e que se conte coa visión e as decisións das persoas involucradas na loita contra o VIH e en favor da liberdade sexual.


Por último, non se nos poden esquecer a situación das persoas seropositivas dentro das prisións e a discriminación que sofren por parte das administracións e funcionarios públicos. Nin tampouco a situación na que se encontran moitas persoas emigrantes sen dereitos
para poder acceder á medicación. Condenamos tamén a discriminación que sofren as persoas que viven co VIH no acceso ao emprego, á vivenda ou na contratación dun seguro.


Por todo iso, dende ALEAS-EU facemos unha chamada á loita contra a discriminación e a invisibilidade das persoas con VIH-SIDA, porque reivindicamos o dereito a ter unha vida que pague a pena ser vivida.

 

Relacionados