Día das persoas migrantes

Santiago de Compostela, 18 decembro de 2012.- O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, a través do seu deputado Xabier Ron Fernández, presentou unha interpelación no Parlamento na que se pide á Xunta de Galicia se é coñecedora da persecución policial á que están sometidas as persoas migrantes no noso país e qué é o que vai facer para rematar con esta situación.

Desde Alternativa Galega de Esquerda lembran que a democracia constrúese todos os días e visibilízase no fortalecemento da saúde democrática, na preservación e mantemento dos Dereitos Humanos. Hoxendía, en Galicia asistimos a un comportamento intolerable en Democracia. Refírense en concreto á política de persecución policial dirixida cara ao colectivo de persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa, especialmente grave en Compostela e en Ferrol.

De feito, na capital de Galicia en algo máis de dous meses contabilízanse 20 detencións e expulsións de persoas que levaban residindo varios anos en Galicia, e mesmo con familiares directos ou indirectos con regularidade administrativa.

Esta persecución inclúe identificacións arbitrarias, empregando criterios racistas, xa que se vai directamente a polas persoas connotadas etnicamente. Esta actitude, que se dá en lugares públicos de uso habitual, é violencia institucional e provoca un enorme medo no colectivo de persoas migrantes.

O Grupo Parlamentario lémbralle ao Goberno galego que, aínda que as competencias directas en materia de inmigración son do goberno central, estas persoas son residentes en Galicia e que algunha responsabilidade ten o goberno da Xunta de Galicia á hora de facer prevalecer os dereitos democráticos.

Ademáis destacan que o goberno do PP pode intervir para solicitar que en caso de irregularidade administrativa se sancione cunha multa e non, como acontece hoxe por defecto, cunha orde de expulsión preferente. Dita sanción figura como posible na propia Lei de Inmigración (que debera ser derrogada de forma inmediata dado o seu carácter global negativo para coas persoas migrantes).

Por isto, o Grupo Parlamentario afirma que o goberno da Xunta de Galicia deberá reunirse cos responsables migratorios do Estado e coas autoridades policiais e traballar nesta dirección. Estas persoas son tratadas como delincuentes cando o único “malo” que fixeron foi que, debido ao actual mercado de traballo, quedaron en situación de irregularidade administrativa, isto é, só lles falta un trámite administrativo, non son delincuentes. A moitas delas quedáballe só o trámite de poder solicitar unha regularización por arraigo social, que se fai ao cabo de tres anos. Agora, as autoridades truncaron os seus proxectos vitais trasladándoos a eses novos campos de concentración chamados CIE’s (centros de internamento para estranxeiros).

O Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda asegura que ignora se o goberno do Sr. Feijoo tolera este comportamento de forma consciente, o que sería antidemocrático, ou inconscientemente, coa súa pasividade ou indiferenza. En calquer caso, é impropio dun goberno democrático.

O Grupo Parlamentario pedíu no Parlamento que a Xunta explique se coñece esta situación e se lle parecen lóxicas estas prácticas violentas. Así mesmo, piden que se reúnan os responsables de inmigración da Xunta cos responsables do Estado, das Delegacións de Goberno e cos resposabeis policiais para recabar toda a información e frear esta vulneración dos dereitos humanos. E por último, exise que o goberno galego intercederá para que se aplique a multa en tanto que sanción por non ter unha situación de regularidade administrativa.

O Grupo Parlamentario quere no día de hoxe, Día Internacional das Persoas Migrantes, manifestar o seu apoio as reivindicacións do Foro Galego de Inmigración que ás 11.00 horas ten convocado un acto de protesta e concienciación sobre a súa problemática.

 

 

Relacionados