A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, vén de interpelar a Francesc Gibert, consultor de KPMG e coautor do informe para a creación de NovaGaliciaBanco, dentro da Comisión de Investigación da Crise Financeira no Congreso dos Deputados. Yolanda Díaz esixe resposta por parte da consultora que elaborou o informe e que, en teoría, estaba encargado pola Xunta de Galicia para avalar a solvencia das Caixas Galegas para a súa posterior fusión.
Nesta comparecencia, Díaz esixe aclaracións sobre diferentes cuestións, como cal foi o procedemento de contratación polo que se encargou a KPMG a realización do citado informe, a canto ascendeu o importe do contrato ou se é certo que o que se lle encargou a KPMG foi un “diagnóstico acelerado da viabilidade da fusión”.
“A auditoría externa encargada pola Xunta a KPMG avalaba a fusión das caixas galegas. Aínda que o informe se mantivo secreto, os resultados serviron para xustificar a fusión nun proceso cheo de irregualidades”, expón Díaz.
“Falaban dun informe ‘feito a medida’. Con esta afirmación queren dicir que o informe para a fusión das caixas decía o que quería a Xunta que dixera”, interroga.
“No informe recomendábase que Caixanova absorbera a CaixaGalicia. A Xunta fixo caso omiso a esta recomendación con lamentables consecuencias para as arcas públicas”, remata a deputada.