Díaz defende no Pleno a revalorización das pensións conforme ao IPC

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, vén de defender no pleno do Congreso as emendas ao Proxecto de Lei de Orzamentos deste 2018 do Grupo Confederal en materia de pensións. Na súa intervención, Díaz denunciou a ausencia de Montoro, “o que demostra o pouco que lle importa esta cuestión e que engana á cidadanía con números que só conducen á pobreza”.

“Presentamos 28 emendas en materia de pensións e cotizacións pero vetáronnos prácticamente todas e só 7 siguen adiante na súa tramitación neste pleno”, explicou a deputada. Segundo sinalou, “o Goberno vetou unha emenda deste Grupo para revalorizar as pensións porque é falso que vaian revalorizar as pensións, como anunciaron nos medios. Só de xeito excepcional e para o ano 2018 van subir un 1,6%. A trilateral (PP, C’s e PNV) desligan a revalorización do que era un mandado constitucional”, incidiu.

Por isto mesmo, estes tres partidos, PNV, PP e C’s, “cargáronse o Pacto de Toledo coas súas prácticas a portas pechadas”. Concretamente, Díaz tamén criticou que o PNV se enterou “tarde e mal” das emendas do Partido Popular, que recortaban as prestacións para a invalidez permanente. Respecto aos complementos a mínimos, “fixamos o mínimo para poder alcanzar o complemento en 11.200 euros ao ano”. “Pedimos o recoñecemento de complementos a mínimos nas pensións e instamos a elevalas ata alcanzar o importe do salario mínimo interprofesional”, sentenciou.

Respecto ás pensións non contributivas, pedimos equiparalas ao salario mínimo en 14 pagas: “Son cantidades humildes pero imprescindibles para sacar ás pensionistas da pobreza”, rematou a deputada.

Ver a intervención dende aquí

 

Relacionados