Díaz: “Dende que chegou Feijóo, a clase traballadora padece un progresivo empobrecemento”

O informe do INE relativo aos salarios de 2013 sitúa a Galicia como terceira comunidade cos salarios máis baixos no Estado. Para a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, “a crecente fenda salarial deixa tamén paradoxos como que as persoas xubiladas cobren máis de media que a maioría das traballadoras e traballadores, agás os de máis idade”.

Segundo explicou, “un traballador galego gañou, de acordo aos datos, 19.824,66 euros, a terceira media máis reducida, claramente por baixo dos 22.697,9 euros da media estatal e moi alonxado dos case 27.000 euros que percibe unha persoa asalariada no País Vasco”.

“Dende que chegou Núñez Feijóo ao goberno a clase traballadora galega padece un progresivo empobrecemento, ao punto que cos datos publicados polo INE constátase que 177.000 traballadoras e traballadores sobreviven con menos de 375 euros mensuais”, sinalou Yolanda Díaz.

Dende Esquerda Unida queremos recalcar que estas cifras confirman un serio retroceso en dereitos laborais e un reflexo do fracaso das políticas de emprego do Partido Popular, nas que os contratos temporais e precarios que se firman na actualidade fan que atopar un traballo digno, hoxe en día, sexa practicamente unha utopía.

Grazas as políticas de emprego do PP, os traballadores e as traballadoras teñen que firmar contratos baseados na miseria, precaridade e a desigualdade, contratos que rematan cos dereitos fundamentais das persoas.

As mulleres, de novo, volven a sufrir unha importante diferencia salarial respecto aos homes: no ano 2013 gañaron, de media, 5.264 euros menos, aínda que entre a modalidade de contratación temporal e indefinida a diferenza case chega os 6.000 euros.

Segundo explica Díaz, “moitas mulleres traballadoras viven situacións de extrema precariedade. A maioría conforman  o último elo da cadea laboral, sofren sobreexplotación e cada vez están máis desprotexidas dos abusos empresariais. Concretamente, de continuar coas actuais políticas neoliberais de recorte dos salarios nunca chegaremos a acadar a igualdade”, sintetiza.

En resumo, os datos do INE sobre a estrutura salarial confirman que no 2013 a clase traballadora segue a sufrir a acentuación da pobreza e da desigualdade. As políticas neoliberais si compren o seu cometido: abaratar o custo da forza de traballo e, como consecuencia, facer máis difícil e/ou insoportable as condicións materiais de vida para a maioría social deste país.

Relacionados