No Pleno do Congreso, a voceira de En Marea, Yolanda Díaz, vén de defender que “grazas á loita das e dos pensionistas o acordo co Goberno permite a revalorización das pensións. Tamén conseguimos o incremento das pensións máis baixas e melloras para as viúvas e traballadoras do fogar”. Estas declaracións tiveron lugar na súa intervención ao Pleno do Congreso, no apoio ao Real Decreto-Ley 28/2018, de 28 de decembro, para a revalorización das pensións públicas e outras medidas urxentes en materia social, laboral e de emprego.
“Celebramos os traballos intensos co Goberno. Non podíamos aceptar o recorte que se incorporaba desligando a invalidez permanente total do SMI, conseguimos o incremento das invalideces permanentes totales nun 22%”, explicou a voceira de En Marea, Yolanda Díaz, remarcando que tamén conseguirmos que ás xornaleiras de conta allea se incorpore tamén unha medida para que non se vexan perxudicadas por esa subida.
A deputada lembrou que foron “días intensos para poñernos de acordo nesta cuestión porque levamos meses traballando co Goberno para conseguir un acordo orzamentario para os traballadores e traballadoras”. Por último, Díaz sinalou que “a mellor medida é o salario mínimo, que vai cambiar a vida da xente e vai axitar a economía. Conseguimos unha subida histórica do 22%, o que supón derogar a reforma do PP, que conseguiu baixar os salarios”.
Podes ver a súa intervención íntegra dende: