Díaz: “Os orzamentos do Goberno esquecen a Galicia, apostan polos recortes e están ao servicio da corrupción”

A coordinadora de Esquerda Unida, deputada e voceira de En Marea en Economía, YolandaDíaz, mostrou o rexeitamento de En Marea aos Orzamentos do Estado presentados polo Goberno durante o debate á totalidade no pleno do Congreso dos Deputados. Díaz aproveitou o debate para denunciar á totalidade que estes orzamentos “esquecen a Galicia” e siguen apostando polos recortes. “Máis de 5.000 millóns en recortes, grazas aos socios do Goberno: Ciudadanos e o PSOE”.

“Estes orzamentos non serven para as persoas nin para o modelo produtivo e de creación de emprego. Recortan 1.300 millóns de euros en prestacións por desemprego, deixa tirados aos desempregados cando máis o precisan para rescatar á banca, esas son as súas prioridades”.

Díaz tamén denunciou os recortes en industria e enerxía. “Como van reindustrializar o país?”, preguntouse a deputada, sen resposta do ministro.

Estes orzamentos, segundo as cifras oficiais, reducen a inversión en Galicia un 32,9% respecto ao ano pasado, pasando de máis de 1.329 millóns a 891,7 e “esquecen cuestións importantes”, denunciou a parlamentar.

“Sabe que os nosos gandeiros venden a leite por debaixo do seu valor de produción? Sabe que se tivésemos outra catástrofe do Prestige estaríamos en idéntica situación, con consecuencias terríbeis?”, insistiu a deputada.

Díaz tamén denunciou a falta de recursos nos orzamentos para cuestións tan fundamentais para o noso país como o saneamento das rías. “É unha vergonza a consignación orzamentaria das Rías. Un só exemplo, a Ría do Burgo precisa 48 millóns de euros, e só destinan un millón. É un insulto”.

O sistema ferroviario galego tamén foi outro dos temas que destacou a parlamentar En Marea, pola falta de fondos para un cercanías entre as localidades galegas.

Para rematar, a deputada insistiu en que, por estas razóns, En Marea pide a devolución destes orzamentos, pero tamén aproveitou a ocasión para decirlle a Rajoy “que debería presentar a dimisión por encabezar o Goberno dos corruptos” e ao señor Montoro “que debería facer o mesmo por presentar uns orzamentos ao servizo da corrupción”.

Relacionados