Este xoves, no Parlamento de Galicia, AGE presentou en rolda de prensa aos medios de comunicación as súas propostas de resolución do debate do estado da Nación. Como primeira proposta de resolución ao debate do estado da Nación estivo a petición de disolución do Parlamento e convocatoria de eleccións en Galicia. A viceportavoz de AGE e coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, xustificou esta petición asegurando que estamos ante un Goberno galego morto, sen ideas, irresponsable e que se limita a mentir unha e outra vez á cidadanía como quedou en evidencia no discurso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A recente crise de goberno provocada polo señor Núñez Feijóo ten como única finalidade tratar de maquillar aquelas áreas nas que máis claramente estaba a aboiar o malestar social.
Neste senso, Díaz falou da necesaria rexeneración democrática. A maioría social galega cautiva dun inxusto e mal formulado rescate bancario que acabou co aforro galego das caixas e que provocou unha débeda tan odiosa como impagable; a maioría social que coñece en primeira persoa os estragos do paro e da precariedade laboral; a maioría social que padece a clausura dun futuro digno e que resulta expulsada da súa terra nun novo ciclo emigratorio; a maioría social que contempla entre a náusea e a indignación as tramas de corrupción político-empresarial que se estenden por todos os niveis das institucións; a maioría social que rexeita o asedio do modo de vida neoliberal baseado no consumismo e o embrutecemento cultural e moral sistemático; a maioría social que lamenta o golpe de Estado que ten desnaturalizado a Constitución e o Estatuto, os dereitos neles recollidos, reducíndoos a un papel inofensivo para aqueles que detentan o fundamental da riqueza social.
Ver as 40 propostas de resolución de AGE para o debate do estado da nación: http://age.gal/wp-content/uploads/2015-10-15-propostas-resolucio%CC%81n-AGE-090042792.pdf