Dimisión da conselleira de Mar

O deputado Antón Sánchez defende o rural galego como “unha oportunidade” no medio da crise, se non fose pola ausencia de reformas estruturais dos gobernos do PP.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2013.- A conselleira de Mar e Medio Rural debe dimitir, porque os recortes en salvamento marítimo provocaron a morte dunha percebeira en Oia o pasado mes de decembro. Así llo esixiu en comisión parlamentaria o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez. “Estamos a agardar explicacións da consellería”, inquiriu, antes de se preguntar “de que serve o aforro se non salvan vidas?”. Porque, engadiu, “os recortes e as privatizacións matan”. A Xunta elevou a partida destinada ao sistema marítimo de emerxencias en catro millóns, pero esta operación só valeu “para beneficiar a unha empresa”.

O parlamentario de Alternativa acusou a Rosa Quintana, a responsábel de Mar e Medio Rural, de “teimar en políticas que xa amosaron o seu fracaso”. “A súa é unha comparecencia de realidade virtual, porque non fala do peche de explotacións, do envellecemento da poboación, da clausura de escolas, o sector lácteo agoniza…”, expuxo, “precisamos un cambio radical nas políticas que conducen á desetización do rural. Aínda que vostedes talvez o prefiran deserto, para que veñan as mineiras canadiana explotar a nosa terra”. Pero é que para Alternativa Galega de Esquerda hai un feito que, de partida, resulta inaceptábel: que Medio Rural foi absorbida pola Consellaría de Mar. “As actividades agroalimentarias fican como algo secundario, nunha Secretaría Xeral de Medio Rural e de Montes que dirixe o antigo responsábel de Montes”, denunciou Sánchez.

Alternativa Galega de Esquerda oponse frontalmente ao espírito que percorre o deseño orzamentario da Consellaría de Mar e Medio Rural. “Porque nós consideramos que o rural galego é unha oportunidade”, asegurou, “unha oportunidade como as que os mozos xa non teñen na cidade”. Porén, para que esta oportunidade se materialice, AGE considera preciso recuperar unha política de asesoramento público digna de tal nome, a través das axencias de Extensión Agraria. “O que non se pode é aceptar as políticas da Unión Europea como se a Xunta fose unha xestoría”, afirmou. Antón Sánchez tamén instou ao Goberno galego a pensar nunha situación en que o cénit do petróleo xa quedou atrás e faise necesario “falar de soberanía alimentaria, do dereito a alimentarse dos pobos e de aumentar a superficie destinada a producir alimentos”. E enlazou coa rotunda oposición de Alternativa a cultivar vexetais para biocombustíbel, “porque xera un modelo depredador do territorio”.

 

Relacionados