Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, esixe a inmediata dimisión do conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas da Xunta do PP, Agustín Hernández, logo de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulase a legalización masiva de vivendas en Barreiros. A sentencia indica que o Goberno do PP incorreu en desviación de poder ao aprobar, en maio de 2011, un plan de incidencia supramunicipal cuxo único interese era dotar de servizos núcleos de urbanización en San Cosme, San Pedro, San Miguel e Reinante. É dicir, trataba de legalizar fraudulentamente unha das maiores desfeitas urbanísticas de Galicia, perpetrada xustamente polos populares ao mando en Barreiros.
No pequeno concello de Barreiros, na Mariña lucense, o goberno local deu licenzas para construír 5.800 vivendas, boa parte delas declaradas ilegais por diferentes sentenzas. Foi talvez a maior e máis agresiva actuación urbanística na costa galega dos últimos anos. A Xunta, a través do departamento de Agustín Hernández, inxectou cartos públicos para asegurarlles infraestruturas a un parque de casas edificadas sen planificación e xuridicamente cuestionadas. Tamén retirou as demandas contra o concello que presentara o bipartito.
Agora, tras unha unha denuncia presentada pola asociación ecoloxista Adega, o Superior bota abaixo a acción do Goberno do señor Núñez e critica duramente os seus argumentos e os da Deputación de Lugo –persoada como codemandada- e afirma que non había supramunicipalidade no plan nin continuidade do proceso edificatorio ilegal. Por iso, para o deputado Antón Sánchez a única saída posíbel para unha desfeita destas proporcións comeza coa dimisión inmediata de Agustín Hernández