Dique Flotante

 

Neste intre non coñecemos horarios nin formato da xuntanza, que adquire un valor decisivo para coñecer o futuro dos estaleiros públicos. Reclamamos transparencia nun envite no que nos xogamos preto de 20.000 empregos directos e indirectos.

 

Esquerda Unida avoga por que o formato da reunión sexa o que se reivindicou de principio: que o encontro se faga de xeito conxunto coa representación sindical das traballadoras e traballadores así como coas alcaldías e os grupos políticos, de maneira que sexa evidente para  todas e todos cal é a postura e o compromiso de cada quen nun tema central para o emprego e a economía da comarca.

 

Javier Galán, representante de EU é rotundo sobre o que se xoga a cidadanía neste encontro: “semella razoable,  imperativo incluso,  que a SEPI veña cos deberes feitos, que non veña de visita de cortesía, e traia o compromiso de construción do dique flotante e de nova carga de traballo, porque calquera outra cousa será unha declaración de guerra a nosa comarca”.

 

Esquerda Unida manterá para o debate plenario do Congreso de mañán mércores as súas emendas cara a conquerir o dique flotante, o avanzo nos estudos para a nova fragata F-110 e a cubrición doutro dique, emendas que importan 150 millóns de euros e cuxa aprobación si evidenciaría a determinación do Goberno estatal de preservar o futuro de Navantia e o compromiso coa nosa cidade.

 

Non semellan tranquilizadoras as verbas do  alcalde cando fala da súa oposición a calquera intento de desmantelar os estaleiros públicos. “Faltaría máis”, sinala o edil de EU, Javier Galán: “o preocupante é que o alcalde fale de opoñerse a desmantelar os estaleiros, cando o obxectivo é conquerir o dique, nova carga de traballo e ampliar o futuro que ten a construción naval pública en Ferrolterra pola súa moi capacitada man de obra e cos novos investimentos produtivos”, subliña o representante de EU.

Relacionados