O dique flotante, reivindicación história de EU, non é produción en si mesma, senón unha ferramenta de traballo necesaria para adaptarse a circunstancias excepcionais, que si permite o mencionado artigo 107 do TFUEA falta desa infraestrutura supón a renuncia a unha cota de mercado que outros países, como Francia co sector da automoción, si corrixiron con fondos públicos sen que a UE puxera reparos.
O ditame da UE, con meses de retraso, en gran parte por neglixencia do goberno do Partido Popular, debe ser rexeitado unanimemente polas organizacións políticas, sindicais e a sociedade civil, xa que é un golpe máis a un sector naval público noqueado, que tan só a unidade na loita e a firme determinación na resposta pode mudar en carga de traballo, ante a absoluta desidia do alcalde de Ferrol, a pouca forza de Feijoo e a intención clara de Montoro e Rajoy de deixar caer as gadoupas especuladoras das multinacionais sobre os terreos de Navantia Fene e Navantia Ferrol, botando o peche á única industria que nos queda.
Esquerda Unida de Ferrol, aínda que insiste en que non é axuda pública prohibida por ser o dique nada máis que unha ferramenta de traballo, considera que existen no propio tratado excepcións á regra xeral que non foron contempladas, nin esixida a súa contemplación polos gobernos da Xunta e o Estado. Así, no artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE) no apartado 2 b) menciónase a posibilidade destas axudas cando sexan destinadas a reparar prexuízos causados por acontecementos de carácter excepcional. Obviamente a ampliación no ancho do Canal de Panamá, que provocou a inmediata ampliación dos gaseiros para ter máis capacidade, deixou sen posibilidade de reparar estes buques a Navantia Ferrol, xa que logo non están adaptados os diques existentes aos novos tamaños, o que imposibilita a concurrencia competitiva con estaleiros franceses.
Por outra banda, o punto 3 do artigo 107 do TFUE prevé que poidan ser compatibles estas axudas cando estean destinadas a favorecer o desenvolvemento económico de rexións nas que o nivel de vida sexa anormalmente baixo ou nas que exista unha grave situación de subemprego.
Non fai falta moita reflexión e basta con analizar uns cantos datos, para decatarse de que Ferrolterra está nestas circunstancias: co 30% de taxa de desemprego, onde so un de cada tres traballan, 5000 persoas non perciben ningún tipo de prestación, o descenso demográfico é brutal retrocedendo en décadas, cunha alta taxa de pobreza, envellecemento e emigración
Dende Esquerda Unida instamos ao Presidente do Goberno a que na vindeira xuntanza que vai manter con Angela Merkel en Compostela, en lugar de detallar o Plan de axuste que teñen previsto de 45.000 millóns e que traerá máis recortes de dereitos sociais e sufrimento para as persoas, faga fronte a un problema que ameaza con facer tambalear o sector naval público e esixa a inmediata rectificación na decisión da Unión Europea, que permita dotar de partidas orzamentarias suficientes tanto na Xunta como no Estado esta ferramenta de traballo vital e estratéxica para os estaleiros da ría a poucos meses do fin do veto á construción civil, para unha Ferrolterra que xa está cansa de que os partidos da dereita se preguen aos ditados da Troika (a Comisión Europea é piar deste sistema) e asuman as súas decisións como lóxicas do mercado, quizais vai sendo hora de que impoñamos a lóxica da xente do común.