Non á discriminación

 

Esquerda Unida xa denunciou no día de onte unha actuación discriminatoria, que incumpre as prescricións legais recollidas na Lei 14/2006, de 26 de maio, sobre técnicas de reprodución humana asistida, que no Artigo 7.3. estabelece que “Cando unha muller estivese casada […] con outra muller, esta última poderá manifestar fronte o Encargado do Rexistro Civil do domicilio conxugal, que consinte en que cando naza o fillo […] se determine ao seu favor a filiación respecto ao nacido”. Atopámonos diante dunha flagrante discriminación merecente dunha resposta pronta e combativa polas autoridades públicas que teñen que velar polos nosos dereitos civís.

Esquerda Unida, coa vontade de concienciar ao respeito do valor dos dereitos postos en cuestión con este incidente, vai presentar unha moción nos concellos para que se reprobe dende o poder local esta actuación discriminatoria, que xa conta con algún outro precedente na nosa cidade e que cómpre desterrar para sempre da nosa vida cidadá.

Dende a nosa organización semella claro que non se poden repetir incidentes desta natureza que poñen risco conquistas de dereitos civís, que xa forman parte do acervo de dereitos democráticos que nos corresponden como cidadanía.

 

Relacionados