O deputado Xabier Ron denuncia a discriminación da lingua propia de Galicia e que a exclusión da mesma, adoito, “débese á acción dos Gobernos galego e estatal”
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2013.- O concurso educativo que xira arredor do denominado Ano Europeo dos Cidadáns –que segundo as súas propias bases “traballará sobre os dereitos e beneficios dos cidadáns europeos e sobre o significado da cidadanía activa na construción europea en que os mozos teñen un papel fundamental”- discrimina a lingua galega. Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Xabier Ron, vén de presentar unha proposición non de lei (no documento anexo) para que o Parlamento inste á Xunta a defender a lingua propia de Galicia neste novo episodio da súa marxinación. “Non existen linguas de primeira e de segundo”, afirma Ron, “e todas as linguas do Estado espaol teñen dereito a ser empregadas polo alumnado e o profesorado”.
Entre os obxectivos do concurso Euroscola, enmarcado no mencionado Ano Europeo dos Cidadáns, figura o de “fomentar a aprendizaxe de linguas europeas, fundamental para conseguir unha Europa unida”. Pero a realidade é que os alumnos e mestres que participen nel non o poderán facer en galego. Tampouco en Euskera. “Deixan a un lado outras cuestións do concurso, como a presentación idílica e falsa de como se está a xestar o proceso de cidadanía europea”, denuncia o deputado de Alternativa, “non podemos tolerar estea vulneración de dereitos”. AGE pretende que o Goberno galego esixa do de Madrid que a Oficina de Información en España do Parlamento Europeo restitúa os dereitos lingüísticos do pobo galego e que a Administración competente do Estado inicie unha campaña para que a lingua galega sexa de pleno dereito na construción da cidadanía europea.