Adianto eleccións municipais

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2013.- A viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Yolanda Díaz, interrogou esta mañá ao presidente da Xunta en sede parlamentaria sobre a sombra de corrupción que paira no Concello de Santiago de Compostela. “Permítame a paráfrase dun clásico”, comezou, “unha pantasma percorre o seu partido, a corrupción”. Cun alcalde dimitido acusado de defraudar a Facenda e o actual imputado dúas veces, Díaz espetoulle a Alberto Núñez Feijóo que del “depende rematar co noxento espectáculo de corrupción no Concello de de Compostela”.

Como vén sendo habitual nas respostas de Feijóo á oposición no Parlamento de Galicia, non falou ao caso. En ningún momento. E se a parlamentaria de AGE enumerou a interminábel lista de fazañas do PP –“tribunais, contas en negro, contabilidades B, detidos e imputados por corrupción”-, o presidente da Xunta e dese partido limitouse a intentar acender o ventilador e non contestar a ningunha das cuestións formuladas por Yolanda Díaz. “Non pode ser que toda a súa reacción consista en dicir que non é normal”, afirmou Díaz, “non chega, porque iso é tanto como dicir nada, é unha resposta que o converte a vostede en cómplice”.

A viceportavoz de AGE, para quen o goberno local compostelán “cheira como a Dinamarca de Shakespeare”, explicoulle a Feijóo as “dificultades” que vai ter a cidadanía á hora de confiar na democracia cando a corrupción salfire as institución rexidas polo PP. “Señor Feijóo, loite contra a corrupción do seu partido”, concluíu Yolanda Díaz, “ou sexa cómplice da mesma”.

Alternativa Galega de Esquerda presentou, hai dous días, unha proposición non de lei para que o Parlamento inste á Xunta a que pida ao Consello de Ministro a disolución da corporación municipal compostelá e a convocatoria de eleccións.

 

Relacionados