O Consello local de EU Ferrol saúda o devandito ditame, que ven a dar a razón ás PAH, ás plataformas de Stop-Desafiuzamentos e a todo o movemento sociopolítico implicado nunha loita xusta, da que Esquerda Unida forma parte decididamente, como ven demostrando na participación continua nas diferentes mobilizacións dende o inicio da crise sistémica do sistema capitalista.
Cobra sentido a presentación da moción no Pleno do Concello de Ferrol o pasado 28 de febreiro, onde se instaba ao goberno municipal á creación dunha oficina de atención ao desafiuzado, unha comisión de seguimento dos desafiuzamentos e a inmediata posta a disposición ás familias afectadas das vivendas baleiras de Recimil, ademais de expoñer o inxusto dunha lexislación decimonónica a prol das entidades financeiras e contra as persoas. E cobra pleno sentido tamén a pioneira acción de Esquerda Unida en Ferrol con mocións xa a altura de marzo de 2011 hai agora dous anos.
Todas estas propostas caeron en saco roto para o Goberno municipal, que agora, tralo duro golpe da xustiza europea á lexislación nacional, debe corrixir a súa postura intransixente e antisocial.
Consideramos que deben paralizarse de xeito inmediato todos os desafiuzamentos da comarca, á espera de que o goberno nacional elabore a transposición do ditame europeo con urxencia, que ven obrigado a apertura do sistema lexislativo hipotecario, permitindo o exercicio do dereito á defensa constitucional da cidadanía.
Do mesmo xeito, instamos ao alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, a que acate os contidos dese ditame, que considera totalmente desmedidas as consecuencias para os desafiuzados, e que troque a política de malgasto nunha verdadeira política social, asumindo punto por punto os contidos da moción presentada polo Grupo Municipal de Esquerda Unida no pasado pleno.