No Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional seguen sen desenvolverse a meirande parte das tarefas marcada no Plan de Accesibilidade. Neste exercicio pasado nada se fixo e agora non vale sumarse a proclamas baleiras de contidos. Ferrol necesita acometer as actuacións previstas no Plan de Accesibilidade aprobado no mandato pasado.
Javier Galán entende que o Goberno Municipal ten que priorizar nas actuacións de benestar en materia de atención ás persoas con diversidade funcional, que seguen a ver lastrada a súa vida persoal a causa dunha cidade organizada de costas as súas necesidades. A cidade veda partes fundamentais do seu espazo público ás persoas con algunha discapacidade. EU lembra o compromiso de aumentar a accesibilidade dos espazos públicos dun 36% a un 72% e acometer unha sistemática que permita aumentar os rebaixes nas interseccións viarias.
Esquerda Unida anuncia unha emenda para que se contemple unha ampla partida específica no orzamento de 2013 para abordar o desenvolvemento das previsións do Plan de Accesibilidade. EU lembra as posibilidades que ten o cocnello para influír nas outras administracións ou entidades privadas a fin de garantir que estas acometan as obras que fagan accesibles os seus espazos.
Este goberno ten que dirixir a loita contra as discriminacións que sofren na súa vida cotián as persoas con diversidade funcional, en particular en todos os aspectos que competen a administración pública local, que son moitas en materia de servizos públicos, equipamentos e accesibilidade. Non o fai e de aí a nosa crítica a súa deixación, que xa foi total este ano pasado.
Os roteiros que teñen que comunicar os barrios co centro da cidade son hoxendía unha demanda insatisfeita que condiciona negativamente a vida das persoas dependentes. EU aposta por comezar o seu desenvolvemento para interconectar a cidade cunha rede de paseos accesibles.