O desexo de Chelo é que a súa testemuña permaneza e sirva para que quede na memoria, para que non se esqueza que os maquis loitaron por unha sociedade xusta,libre e democrática, pola defensa da dignidade, e que non foron nin ladróns nin bandoleiros nin moito menos putas, como as denominaba a propaganda franquista, senón guerrilleiros.
Sinopse:
¿Quen foi esta muller? Naceu en 1919 en Soulecín, na comarca do Barco de Valdeorras (Ourense), no seo dunha familia acomodada de sete irmáns, na que o pai fixera algúns cartos en Cuba. Ó comezo da guerra civil, Consuelo tiña 17 anos. Pero quizáis esta historia, en realidade, empezara en outubro de 1937, cando o seu irmán Rogelio volta á casa tras a caída de Asturias, para agocharse, xa que fora chamado a filas polo exército sublevado. Outro dos irmáns, Sebastián, tamén obrigado a unirse ó exército franquista, tras voltar ferido do frente do Ebro no 1938 agóchase na casa. Así cando a garda civil foi buscalo,en 1939, prodúcese un tiroteo morrendo un garda civil, ambos irmáns fuxen ó monte uníndose á guerrilla. Estes feitos provocaron que se desplace un continxente de lexionarios que torturan e matan ós pais dos mozos para que servira de escarmento xeral. Chelo, súa irmán Antonia e seus irmáns deciden unirse ós maquis. Elas actuaban como enlace da Federación de Guerrillas de León e Galicia, fundada en 1942, actividade pola cal foron varias veces detidas, permanecendo presas nas cárceres de Valedoras, Ponferrada e León (non debe esquecerse que o 40% dos maquis eran mulleres, que actuaban en labores imprescindibles de intendencia, abastecemento e propaganda.
En xullo de 1946 morre o comunista Arcadio Ríos, compañeiro sentimental de Chel; o seu amor, como ela o chama. A súa casa galega, coñecida como A Fortaleza, sempre estivo aberta ós maquis. Chelo ficou tres anos na clandestinidade, ata que en 1949, data na que xa morreran os seus catro irmáns guerrilleiros, conseguiu cruzar a fronteira. Ó chegar a Francia pensou que gozaría de libertade, pero non puido evitar pensar que para qué a quería, con todo o que deixara atrás… Primeiro traballou coidando hortas e no servicio doméstico, ata que se trasladou a París, onde foi refacendo a súa vida. Casou en 1953 co guerrilleiro asturiano Marino Montes e en 1971 instalóuse na illa de Ré, cercana a La Rochelle, onde residiu ata hoxe cos seus fillos. Actualmente ten 91 anos.