O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe que non se escatimen esforzos para realizar o dragado total da ría nas zonas interiores para a retirada de todos os sedimentos contaminados, e só preto da ponte do Pasaxe poida facerse un dragado de menor calado, tal como dispón o informe da Unión Europea (28.10 2013, PE508.307v06-00), e o estudo do Dpto. de Edafoloxía e Química Agrícola da Univeridade de Santiago de Compostela (USC) do 2010, onde afirma que toda a zona presenta unha contaminación microbiana e de metais pesados elevada e que na zona interna os valores de mercurio, chumbo, zinc e cobre son extremadamente elevados e se atopan en propfunidadade de até 150 cm., polo que o dragado da ría debe acadar os 150 cm. E so ten sentido limitalo a 50 cm. nas zonas menos degradadas a altura da ponte do Pasaxe.
O devandito estudo evidencia que non valen solucións intermedias que so agacharían o problema sen resolvelo, Por este motivo Esquerda Unida aposta por unha rexeneración real da ría do Burgo co fin de acadar o respecto ambiental que se merece o espazo e obter a súa máxima rendibilidade no eido profesional, á vez de compatibilizar o seu uso con outros lúdicos e deportivos. A rexeneración de amplas superficies hoxe en día improdutivas poderían dar un pulo enorme ao emprego na zona, porque contarían co apoio do UE en materia de financiamento[1] a través de fondos para o período 2014-2020 que cómpre non perder.
O voceiro de EU-V, César Santiso, anunciou a presentación dunha Proposición Non de Lei no Parlamento galego a través de AGE para que o goberno galego reclame ao central a dotación orzamentaria suficiente e urxente para acometer o saneamento integral da ría do Burgo. César Santiso tamén esixiu á Xunta que habilite os mecanismos necesarios para evitar verquidos como o do pasado dous de decembro cando apareceu unha considerable mancha de cor marrón que se estendía polo paseo marítimo dende o Temple ate terreos pertencentes ao concello de Oleiros.
[1] “Novo impulso á estratexia para o desenvolvemento sostible da acuicultura europea” [COM (2009) 162 final] da Comisión Europea, para a reforma da Política Pesqueira Común.