Duplicar oferta das Escolas Infantis

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que 677 rapaces de familias traballadoras coruñesas quedan sen praza para o curso 2012 mentres o goberno municipal cancela a construción dunha escola infantil. Finalmente o dato dos rapaces excluídos do acceso á escola infantil pública superou a previsión de 650 exclusións que dende EU-V facíamos no mes de maio logo de rematar o período de inscrición nos tramos de idade de 1-2 anos e 2-3 anos o 27 de abril. Algo previsíbel, porque nos últimos anos non deixa de crecer a demanda, incrementándose neste ultimo ano respecto do anterior en 250 solicitudes. Diante desta lamentábel situación, o Goberno do PP eliminou medio millón de euros dos orzamentos no segundo modificativo de crédito do 2011 para a creación dunha escola infantil.

 

Esquerda Unida propón un plan para duplicar a oferta de prazas na rede de escolas infantís municipais para acercarse á demanda existente, xa que a nosa organización detectou un grande déficit de prazas na zona de Monte Alto-centro onde a demanda supera en 162 prazas á oferta municipal, na zona do Birloque-Elviña cun déficit de 160 prazas, na zona Castrillón-Castros-Gaiteira con 117 rapaces excluídos. Asemade a zona Agra-Ventorrillo-Sagrada-Os Mallos a pesarses da grande densidade de poboación non conta con ningunha escola infantil municipal, algo que sería necesario para mitigar o déficit de 58  prazas na EIM Los Rosales e cubrir de maneira máis igualitaria todos os barrios coruñeses.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o goberno municipal esta a prexudicar a conciliación da vida familiar e laboral das familias traballadoras coruñesas, porque cando a demanda duplica con creces a oferta, permítense o luxo de  retirar dos orzamentos a partida para a construción dunha nova EIM”, neste sentido temos que subliñar a redución de 12 h. anuais do servizo de canguros a domicilio, o cambio de localización do servizo de canguros para desincentivar o seu uso, ou a reducción de 183.000 € para as actividades extraescolares.

 

César Santiso, indicou que “o investimento de economía produtiva social, e dicir máis e mellores sevizos a cidadanía, é peza fundamental no cambio do modelo produtivo e na reactivación económica, xa que logo, na xeración de emprego. Na procura dunha economía máis sustentábel necesitamos producir máis servizos para mellorar o benestar da cidadanía en lugar de apostar unicamente pola economía produtiva de mercadorías”.

Relacionados