alfredo.jpg - 1.15 Kb

E agora Libia (I)

 

Permitídeme, para responder á pregunta, que evoque algúns recordos. Lembro, con absoluta nitidez, como o 15 de abril de 1986 a aviación dos EEUU bombardeou as cidades de Trípoli e Bengazi en resposta ao atentado perpetrado apenas 10 días antes na discoteca La Belle de Berlín; apenas transcorrera un mes do referendo no que se decidira a permanencia de España na OTAN, e ese bombardeo reuniu a moitas das persoas que nos mobilizáramos activamente contra a OTAN no salón de actos de Filoloxía para condenar o ataque contra o pobo libio. Non en van, naquela altura, Gadafi e a revolución libia eran un referente para a esquerda debido a que tras a revolución do 1º de Setembro de 1969, o réxime de Gadafi nacionalizara a industria petroleira, expulsara aos norteamericanos da base de Wheelus Airfield, reconvertida en base Oqba ibn Nafi -o xeneral omeia que iniciou a conquista do Magreb-, puxera en marcha a reforma agraria no litoral libio e, grazas ao uso social das rendas derivadas do petróleo, melloráranse as condicións de vida do pobo libio.

 

 

Non obstante, permitídeme outro recordo, lémbrome que uns días despois daqueles acontecementos, unha amiga que militaba nun grupúsculo da extrema esquerda agora non ben a conto dicir os nomes-, vendeume o Libro verde (1975), no que Gadafi expón a teoría política, social e económica na que se funda o novo estado libio: a Jamahiriya Árabe Libia Popular e Socialista, constituída o 1 de marzo de 1977. Pois ben, aínda que entendo que os feitos que veño de referir eran alentadores para o avance das loitas pola liberación dos pobos do Terceiro Mundo, aínda hoxe sigo sen comprender como alguén, despois de ler o Libro verde, pode seguir considerando a Gadafi un home de esquerdas. Só tres citas clarificadoras: primeira, procedente da primeira sección, a democracia: “a verdadeira lei de calquera sociedade é o uso e a relixión: toda tentativa para atopar a lei para calquera sociedade, á marxe destas dúas fontes, é non válida e ilóxica”; segunda, procedente da segunda sección, o socialismo: “a solución definitiva constitúea a abolición do salario. A liberación do home da súa escravitude e o retorno ás normas naturais que determinaron a relación [entre os produtores] antes da aparición das clases, das formas de goberno e das leis positivas”; terceira, procedente da terceira sección, o fundamento social: “a muller é soamente femia. E a súa condición de femia supón que ten unha función natural e biolóxica distinta á do home, que é macho. […] Non existen diferenzas entre os dereitos humanos do home e da muller, do adulto e do neno. O que certamente non se dá é unha igualdade total entre eles en canto aos deberes de cada quen”. Deixo para outra ocasión unha análise máis detallada do libro.

 

 

Retomo o fío dos acontecementos. Posteriormente, entre 1992 e 1999, a Jamahiriya sufriu un duro embargo, que significou non só a supresión de moitas das conquistas dos anos anteriores, senón que supuxo, ademais, que Gadafi pasase de ser un contumaz antiimperialista a ser aliado de Occidente: aí están, xa que logo, as concesións políticas aos EEUU, sobre todo na súa loita contra o terrorismo islámico que representa al-Qaeda despois de setembro de 2001, e á UE, que converteron a Libia en gardián das fronteiras europeas fronte á migración subsahariana,  e económicas, que serviron para facilitar a entrada no país de bancos e corporacións estranxeiras -fundamentalmente petroleiras-, privatizar as empresas estatais seguindo as directrices do FMI e retirar os subsidios estatais aos alimentos e aos combustibles: medidas que provocaron carestía e desemprego.

 

 

Velaí a razón pola que se levanta o pobo libio, porque está a sufrir as mesmas condicións de explotación que os restantes pobos árabes en rebelión. A vindeira semana analizaremos os escenarios e os suxeitos desa rebelión.

Relacionados