Eficiencia enerxética

 

Esquerda Unida insta a Goberno municipal e Xunta a seguir o exemplo do instituto Tecnolóxico de Galicia. Así propón que se cree un servizo que non so promova o aforro senón que asesore aos emprendedores naquelas actividades produtitvas que sexan máis sustentábeis e menos dependentes do petróleo, para avanzares no tan necesario cambio do modelo produtivo.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera lamentábel que teñan que ser institucións privadas as que promovan accións tendentes a reducir o consumo enerxético do tecido produtivo diante da inacción dos poderes públicos, situación que amosa unha evidente incapacidade dos nosos gobernantes, incapaces de comprender que sen cambio de modelo produtivo, será imposíbel saír da crise e, xa que logo, seguiremos en recesión e destruíndo emprego. Constátase unha vez máis que a miopía de PSOE e PP, están conducindo o noso país cara unha situación sen retorno na que unha vez máis as familias traballadoras.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a eficiencia enerxética é o punto de partida cara o cambio de modelo produtivo que permita incrementar a competitividade das nosas empresas e xerar emprego”.

 

César Santiso incidiu na urxente necesidade de concienciar a empresarios e cidadanía na necesidade de avanzares cara a sistemas produtivos que optimicen recursos e consumo enerxético, “aquelas comunidades que se atopen máis evolucionadas en canto a sustentabilidade e que teñan menor dependenza enerxética, son as chamadas a superar de maneira menos traumática a grave crise enerxética que se aproxima, mentres que os gobernantes que continúen afondando en modelos produtivos insustentábeis baseados na premisa de que o petróleo é unha fonte de enerxía barata fracasarán condenado a súa cidadanía ao desemprego e a pobreza”.

 

Santiso rematou indicando “agora é o momento de que os nosos gobernantes sexan valentes e abandonen o oportunismo político consistente en desenvolver políticas baseadas no cortoplacismo de catro anos até as seguintes eleccións e se convertan en verdadeiros estadistas que saiban ver os problemas aos que se enfronta a nosa sociedade no longo prazo, para así, anticiparse aos acontecementos e promover as medidas necesarias que permitan sortear os ditos problemas”.

Relacionados