Eivas no socorrismo

Así, o goberno municipal por unha banda afirma que a responsábel de Protección Civil non forzou a explotación laboral dos socorrista, mais argumenta que o servizo reorganizouse agrupando xornadas e horarios libres, tal e como acontece cos bombeiros e policías. Esta contradición amosa a falaz política comunicativa do PP. Primeiro di que non forzou, para logo recoñecer que si modificaron a organización do servizo. A realidade, como amosan as nóminas é que a reorganización mandatada dende o Concello incrementou de 8 a 10 h. a xornada laboral dos socorristas e estes non cobraron horas extras, é dicir que o Goberno municipal forzou á concesionaria a explotar aos seus traballadores.

Esquerda Unida esixe ao goberno municipal que explique os motivos que lle levaron a forzar xornadas de 10 h. aos socorristas, porque non se sustenta a desculpa de que o fixeron para favorecer a vida familiar e laboral, cando o que se fixo foi condenar aos traballadores e traballadoras a unhas deplorábeis condicións laborais, como denunciamos onte.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes pide responsabilidades polo feito de que, como recoñece o Concello, na inspeccionou da labor de FESSGA non se detectasen os incumprimentos tanto en materia hixiénico sanitaria como laboral. Cando estas eran manifestas e algunha delas so foi subsanada diante da denuncia pública desenvolvida por Esquerda Unida e CUT o 13 de setembro, moito despois da suposta inspección da que fala o goberno local que sería a primeiros de xullo, dado que a data de cambio de quendas ordenado polo Concello produciuse a partires do 9 de xullo. Estas son algúns dos incumprimentos da concesionaria:

– O horario de peche do operativo en Santa Cristina (na zona que lle corresponde ao Concello da Coruña) ás 20:00 h. cando o prego establece as 21:00 h.

– Os chalecos das motos de auga non son os homologados e obrigatorios pola normativa da Garda Civil do Mar, ou que tanto patróns como socorristas carecen do casco regulamentado. Asemade as embarcacións non están aproadas ao mar, tal e como marca o prego, para a súa inmediata posta en marcha ante unha urxencia. Asemade nin patrón nin socorrista utilizaban casco, do que carecían, como se pode observar na fotografía de prensa.

– As táboas de rescate utilizadas nas praias de Orzán-Matadoiro non eran as homologadas e esixidas por normativas, pois tamén eran de competición.

– As embarcacións utilizadas polo servizo eran de recreo (incluídas na 6ª lista) en lugar de na 7ª o que obrigaba a que obrigaba a manexalas por un Patrón de Porto e non por Patrón de embarcación de recreo como se fixo.

– As máscaras para insuflar oxíxeno durante unha RCP repartíronse o pasado 19 de Agosto, e que na pasada RCP do 17 de Agosto non se insuflou oxíxeno porque a socorrista non posuía máscara.

– A falta de solucións hixiénico sanitarias para esterilizar o instrumental que se utiliza nas casetas como pinzas ou tesoiras, que non apareceron até o 13 de setembro, logo da nosa denuncia. Tampouco se desinfectaban as cubas que se utilizan para as picaduras de escarapotes dunha incidencia a outra,nin se fai unha correcta desinfección de casetas, padiolas, cadeiras que se poidan manchar con algún tipo de fluído como sangue, esputos, pus… logo de entender incidencias como cortes.

– O servizo comezou a desenvolverse coas Baterías dos desfibriladores semiautomáticos (DESA) caducadas case medio ano, e cando se puxo en coñecemento do Concello dixo que non tiña importancia, aínda que posteriormente se cambiaron.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “a concesionaria non cumpriu co prego de condicións, é falso que dispuxese dos medios materias necesarios para desenvolver o servizo con garantías, con toda esta ristra de incumprimentos, queda claro que o goberno municipal está a faltar a realidade, ben por intereses espurios ou ben por descoñecemento e incompetencia, en todo caso esiximos que se depuren responsabilidades”.

Relacionados