Eivas urbanísticas en Someso

 

En 2004 o Goberno municipal, cando era responsable de Urbanismo o actual alcalde Javier Losada, reclasificou os terreos expropiados para uso residencial e terciario, incluíndoos na urbanización onde se levanta o recinto feiral, o centro comercial e as torres destinadas a uso residencial. O Concello argumentou que os terreos adquiríanse por un contrato de compravenda no canto de por expropiación, agora o alto órgano xudicial galego rexeita os argumentos do Concello o que ven a por en evidencia a política municipal del “todo vale”en materia urbanística.

 

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Coruña semella inconcibíbel que o alcalde da Coruña siga a afirmar que a devandita actuación se axusta á lexislación a pesares da condena emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Así pois o alcalde amosa ben as claras a súa percepción de sentirse por riba da lei, un mal moi habitual nos gobernos e gobernantes que levan moito tempo no poder como é o caso do PSOE coruñés que está a exercer unha especie de “despotismo ilustrado” moi pouco san para a vida democrática da cidade, como ven coñece a cidadanía crítica coruñesa.

 

César Santiso, responsable de organización de EU, afirmou que non é o momento de debater se o cambio de uso das parcelas beneficia ou non a veciñanza, como pretende facer o alcalde desviando o foco mediático. O verdadeiramente grave é que o concello desenvolveu, unha vez máis, unha operación irregular pola que o alto órgano xudicial autonómico o condena a pagar oito millóns de euros.

 

Segundo César Santiso é evidente, como indica o alcalde, que o interese xeral está por enriba dos intereses persoais. Pero tamén o é que a política municipal debe planificarse a longo prazo, baixo o principio de eficacia e nun estricto cumprimento da legalidade vixente. Non é admisible que o concello cometa ilegalidades, realice expropiacións para desenvolver determinados proxectos e anos despois, cando os terreos son da súa propiedade, cambie o proxecto, reclasifique os terreos e os venda, nunha actuación que cando menos amosa mala fe para con os expropiados. Xa que logo, debido a unha nova eiva na actuación do Goberno local, o concello perde 8 millóns de euros, cartos que pertencen a cidadanía coruñesa que se teñen que desviar para cubrir as irregularidade na xestión municipal.

 

Asemade, existe a posibilidade de que o fallo xudicial sirva para sentar un precedente en breve, pois aínda están pendentes os recursos presentados por máis veciños, polo que as indemnizacións poden acadar os 18 millóns de euros. Ademais, segundo a sentenza, o Goberno municipal debe ao redor de 90.000 euros en concepto de intereses e cada día que pasa sen cumprir a condena a cifra aumenta en 712 euros.


Por este motivo Santiso reclama unha rexeneración política na cidade, na que outras forzas políticas, como a esquerda alternativa, poidan achegarse a María Pita para desenvolver outras políticas. Políticas centradas na cidadanía e non no capital, que teñan a suficiente altura de miras para ver máis aló das seguintes eleccións e poñan o acento nas verdadeiras necesidades da maioría social como resolver o grave deterioro social e medioambiental no que nos atopamos.

Relacionados